López Campos valora “o traballo de Ben-Cho-Shey na defensa da nosa lingua e cultura”

Segunda fase de restauración da antiga vivenda do ilustre galeguista

O Pereiro de Aguiar | José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, destacou “o traballo incansable de Ben-Cho-Shey na defensa da nosa cultura e da nosa lingua”. Fíxoo tras a sinatura do convenio co alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, realizar a segunda fase da restauración da vivenda onde o ilustre galeguista viviu durante dez anos, onde tamén estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

O representante de Cultura do Goberno galego remarcou “o noso compromiso para manter vivo o legado do articulista promovendo o coñecemento da nosa historia e apoiando as infraestruturas e equipamentos culturais”. Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 115.000 euros a este convenio, dotado cun total de 215.000 euros para levar a cabo as obras do inmoble e poñer en valor esta figura.

A actuación que se porá en marcha, e que se autorizou o pasado setembro no Consello da Xunta, pretende recuperar a vivenda do mestre para poder dotar ao edificio para un uso público. Farase mediante a restauración dos muros exteriores cos tratamentos necesarios, o saneado da estrutura portante, a substitución da cuberta inclinada de tella cerámica e a restauración das carpintarías exteriores do 1º e 2º andar.

Será nunha posterior fase onde se executen os acabados e as instalacións necesarias en cada un dos andares para permitir a súa apertura ao público. Este acordo enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por apoiar as infraestruturas e equipamentos culturais e promover o coñecemento da nosa historia.
A casa onde viviu Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey, na súa época de mestre na escola de Santa Marta de Moreiras foi onde iniciou os traballos de investigación que acabou recollendo na obra Santa Marta de Moreiras.

Monografía dunha parroquia ourensá
Ben-Cho-Shey foi un intenso articulista que colaborou en importantes revistas con traballos de todo tipo: arqueolóxicos, etnográficos, históricos, pedagóxicos ou heráldicos nos que defende a Galicia e a súa lingua. Coa restauración desta vivenda contarase cun lugar para a divulgación da figura deste ilustre galeguista, converténdoa nun lugar de referencia para o coñecemento e difusión do autor e da súa gran obra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.