• Segue conectado
  • |

Loitarmos contra o yihadismo.

Outravolta ficamos conmovidos diante da última expresión do odio yihadista: o recente atentado de Manchester, co seu elevado tributo de vidas humanas. Unha vez máis os terroristas elixen matar durante manifestacións colectivas de lecer público, tan propias da maneira de vivir na nosa Europa. Os asasinos non só queren facer todo o dano que poidan, senón que tentan que renunciemos ao noso xeito de vida.

Será difícil loitarmos contra o yihadismo senón entendemos as súas orixes e desenvolvemento. Como ven de dicir o líder laborista británico, Jeremy Corbyn, moitos dos profesionais dos servizos británicos de seguranza e intelixencia recoñecen que a política exterior británica do próximo pasado ten potenciado a ameaza yihadista, coas súas intervencións armadas (comezando pola invasión de Iraq no 2004) . Sen que este coñecemento, como afirma o propio Corbyn supoña reduzir un chisco nin a culpabilidade terrorista nin a necesidade de loitar contra o yihadismo con todas as armas que poida usar unha democracia.

O mes pasado as forzas da coalición antiyihadista causaron a morte a 244 civís non combatentes, moitos deles crianzas. Temos que entender que a dor causada polos nosos dirixentes políticos vólvese seguido contra nós. Deste xeito, comprenderemos mellor o fenómeno do yihadismo para combatelo cando saibamos relacionar as intervencións militares occidentais (moitas veces dirixidas a controlar a produción de petróleo) co incremento substancial do terrorismo yihadista.

Mais esta necesidade de matinar (e actuar) a respecto da intervención occidental no Oriente Próximo e Norte de África non prexudica a necesidade de adoptarmos medidas eficaces e coordinadas, comezando pola coordinación europea das súas policías e servizos de intelixencia. Cómpre construir dende a Europol un auténtico F.B.I. europeo que coordine a vixiancia e información arredor dos yihadistas e, sobre todo, do seu labor de proselitismo e posibilite que a resposta contra o terrorismo sexa continental. Ao mesmo tempo, os británicos haberían entender que o Brexit reducirá a súa seguranza, para poder adoptar coa UE os mecanismos de cooperación policial e de intelixencia precisos para que o terrorismo reciba unha resposta unitaria ás dúas beiras da Canle.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 1 Xuñ 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies