Chantada | O Parque Eloísa Rivadulla acolleu a presentación da 51 Subida a Chantada que se desenvolverá entre o 25 e o 27 deste mes. No acto participaron Alfonso Viana, presidente do comité organizador; Antonio Rodríguez, presidente da Federación Galega de Automobilismo; Diego Otero, concelleiro de Parques e Xardíns, e a concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro; ademais do delegado de Deportes en Lugo da Xunta de Galicia, Manuel Otero; a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto e Iria Castro da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A Subida a Chantada, unha das citas máis características e multitudinarias na axenda anual do Concello, conta este ano con récord de rexistrados e correrán na subida 102 vehículos, “hai un mes que a hostalería de Chantada non ten prazas, a xente para a subida comeza a vir antes e pasan máis días aquí o que é un beneficio para a xente de Chantada”, explicaba desde a organización, Alfonso Viana, que presentaba esta edición como a primeira da segunda metade do século que esperan chegue a ter a Subida a Chantada.
A concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro, agradecía o esforzo da Escuadra Chantada, “Detrás da organización deste tipo de probas hai un traballo enorme dun equipo humano implicado na seguridade e en que todo salga ben; desde o Concello de Chantada seguiremos apoiando toda actividade deportiva que divulgue o nome de Chantada”.
Caseiro animaba á participación respectando os viñedos e as normas de seguridade, “Dar a benvida aos que veñen de fóra, e os de aquí gozaremos como sempre. Tamén como todos os anos insistimos en respectar os viñedos, que dan moito traballo durante todo o ano, e seguir conservando entre todos esta paisaxe da Ribeira Sacra que fai tan especial esta proba.”
Modificacións de tráfico
A carreira desenvolverase nun percorrido de 4,3 quilómetros da estrada LU C-533, con saída desde a ponte vella para finalizar na estrada de Chantada a Monforte de Lemos. A celebración da proba implica os cortes de tráfico habituais que xa levan días sinalizados, de modo que o sábado, 26 de xullo, cortarase o tráfico na LU C-533 desde as 10:00h. ata a finalización dos adestramentos, a última hora da tarde; e o domingo, 27 de xullo, a partir das 7:30h. ata as 15:00h. aproximadamente, dependendo do desenvolvemento da carreira. Habilítase desvío alternativo pola estrada CP – 1811 a través do encoro de Belesar.
A celebración da proba automobilística supón tamén modificacións no tráfico da vila. O parque pechado situarase en cálea Xoán XXIII, quedando pechada ao tráfico desde media mañá do venres, 25 de xullo.
A “Cerimonia de Saída“, na que se presentarán os 102 participantes, será o mesmo venres, ás 20:30h na Praza de Galicia, polo que quedará prohibido estacionar na Avda. de Monforte desde a media tarde do venres ata as 22:00h, hora prevista de finalización da cerimonia de saída.