Letras galegas na emigración.

Lois Pérez Leira | Outro ano máis do Día das Letras Galegas e outro ano máis que os escritores galegos da emigración están case ausentes. Prefiren aos falecidos recentemente coma se os que utilizaron a nosa lingua a principio do século XX non existisen. A desmemoria e o piñeirismo cultural leváronnos a secuestrar a nosa verdadeira historia literaria, impoñendo un relato oficial que ignora voces fundamentais como as de Fortunato Cruces, Emilio Pita, Nan de Allariz, Bernardo Souto ou o pensamento de Ramón Suárez Picallo.

“Mentres o canon non recupere estes nomes, seguiremos celebrando unha memoria amputada”

Este esquecemento institucional enterra o legado de figuras como Fuco Gómez, Gerardo Díaz, Silvio Santiago e Pepe Velo, cuxas obras foron faros de identidade na distancia. Ao silenciar nomes como Elías Rodríguez, César Garrido, Rey Baltar ou Ramón Armada Teixeiro, e a tantos outros que mantiveron a dignidade do idioma desde o exilio e a emigración, négase a modernidade dunha cultura que foi universal antes de ser autónoma. Mentres o canon non recupere estes nomes, seguiremos celebrando unha memoria amputada, ignorando que a verdadeira alma das nosas letras salvouse grazas a aqueles que, dende a outra beira do mar, se negaron a deixar morrer a súa lingua.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.