Lembrar a quen tanto debemos.

Este mes de xullo é un mes de celebrar como todos os dos anos, ten uns días sinalados e tamén intres que inevitablemente ecoan aínda e cóanse por entre as apatías aburridas e rutinas que os prazos nos veñen marcando a golpes de reloxo, de timbres, de pasos por onde necesariamente pasar, con controles, recibos, papeis, certificados e burocracias que nos asombran a vida e en certa medida nos entristecen na propia desconfianza. Mais sempre teremos “un aquel” para celebrar a vida, mesmo para celebrarnos vivos e coa ilusión de desentendernos de toda atadura e control para sentirnos libres de ameazas. De todas formas, este mes en concreto, é de celebrar a Patria Galega, a única nosa en propiedade e que se recoñece na identidade plena. É un mes cheo de luz e colorido, cheo de esperanzas e de descansos, de cambios e tempos de vagar, … É un mes, queiramos ou non, de lembranzas. Para os que nacemos despois da incivil guerra do 36, é un mes de infaustos recordos, de fames prolongadas, de imaxes en branco e negro, de negacións constantes, de abusos, de dor e sufrimentos nunha ferida que aínda doe, que aínda sangra. E os gobernos non quixeron tomar cartas no asunto, aínda semella estar vivo “o vello” ditador nos seus herdeiros que se empoleiran, caladiños no poder, e no emprego da forza sen outra razón convincente para organizar o mundo que o modo que eles cren acertado e está tan equivocado e está falto de irmandade. Pois si, é un mes para reivindicar a Illa de San Simón, para homenaxe de todas as persoas que foron vítimas do franquismo, daquelas que loitaron por defender as ideas contra a barbarie. Eu lembro moitas delas, estaban encollidas no medo perpetuo, inmóbiles na ameaza constante. Moitas outras, nin sequera as lembramos. Moitas aínda habitan os eidos do esquecemento, en calquera gabia, en calquera cuneta dos camiños, en calquera cantil do mar, en calquera fosa común das que tantas quedan por descubrir. Nin sequera se sabe o seu nome. Algúns de nós, en grupos e asociacións, andamos a lembrar pouco a pouco e a chantar pedras que indiquen onde foron asasinados dando conta dun catálogo inacabado. Hoxe en Palas de Rei, mañá en Toques, en Vilamor, en Abellá –Frades, en Mesía, en Cortapezas, na Fonsagrada, en Aranga, na Santa Mariña, en Mondoñedo e Lourenzá, Bembibre, en case todos os lugares, en todas as aldeas, vilas e cidades de Galiza. Alí están aínda prendidos nomes das persoas, Alexandre Bóveda, Os tres Manueles, O Boliña, o fillo da Faviana, Francisco Paradela, Os da “Lexía”, Manuela Teiga, O Gardarríos, O Cmte. Moreno, Juana Capdevielle, Gayoso, María, Carme, Clementina, López Amor, Josefa Barreiro, Seoane, Mercedes Romero, Francisco Mazariegos, Erundina Álvarez, Raúl Trabadela, Emilia Cabaleiro, Carme de Miguel, Benigno Andrade “O Foucellas”, Virxinia Meilán, Díaz Baliño, Carme Sarille, Manuela Graña, Urania Mella, Marta Crespo, O Piloto, Henriqueta Gómez, Maruxa Mazariegos, Hortensia Mosqueira… Homes e mulleres, mestres, obreiros, labregos nas mesmas ringleiras da morte. A morte é a mesma aquí e en todo o mundo, o mesmo motor que xustifica a mesma ideoloxía subversiva. Todos agardando ser paseados, vilmente asasinadas, agardando ir a ningures tan pretiño da nada! Pero non mataron a idea de liberdade e de xustiza. Ringleiras enormes de mulleres rapadas, insultadas, forzadas e obrigadas, quebrantadas e profanadas na propia dor ou na dor dos seus homes, transgredidos tamén nas súas ideas, nas súas ansias de liberdade que son as nosas, feríndonos –xa desde entón- na nosa esperanza, nas ansias dun destino noso!

Non podemos perder, sen máis, aos que nos encheron de honra na memoria, opóndose a aquela insurrección contra o poder elixido, aos que se opuxeron a aquela usurpación do dereito e das ideas. Aínda se terán que encher páxinas de moitos libros falando dos tantos e tantas que aínda están por exhumar, nomear e coñecer e que, por suposto, quedan para que lles devolvamos a honra e a nosa gratitude! É un mes, tamén, para lembrar e, desde logo, non quedar en paz ata que elas e eles descansen debidamente en paz. Non podemos renunciar á loita mentres os verdugos anden impunes e póndose medallas pensionadas na súa infamia de terror. Temos que recuperar a Illa de San Simón para ser ese lugar de encontro, memoria e reflexión. Anque haxa que invadila. Será o museo que non nos deixe esquecer aquel xenocidio. Lugar de reposición periódica na honra debida aos heroes que salvagardaron a nosa dignidade como pobo e nación.

Mestre e músico.