Lembrando a Fernando Fernández del Riego.

Naceu en Vilanova de Lourenzá, Lugo, en 1913 e faleceu en Vigo no ano 2010. Formouse na súa vila natal, logo en Mondoñedo e, finalmente, iniciou Dereito en Madrid e, ao ano seguinte, continuou en Compostela; exercendo como axudante de Dereito Civil na Universidade compostelá. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos. Durante a II República foi secretario das Mocedades Galeguistas, foi membro do Consello Galego de Galeusca e participou activamente na campaña a favor do Estatuto de autonomía de Galiza.

No inicio da Guerra Civil, escondeuse na casa duns amigos da familia, onde recibía chamadas telefónicas anónimas e ameazantes. Césano como profesor universitario e é inhabilítano para exercer a docencia no ensino, impoñéndolle unha multa de 3.000 pts. polas súas actividades políticas.

Neste contexto, por medo a ser asasinado como tantos outros, alistouse no exército sublevado. Ao rematar a Guerra instalouse en Vigo, casando con Evelina Hervella Nieto, farmacéutica que non chegaría a exercer. En Vigo traballou como profesor de ensino privado e exerceu como avogado. Participou na clandestinidade do Partido Galeguista e no ano 1964 tamén na fundación do Partido Socialista Galego, do que se deu de baixa en 1978. Tamén foi membro fundador da Editorial Galaxia en 1950, exercendo como xerente da mesma.

En 1960 ingresa na RAG (Real Academia Galega) cun discurso titulado “Un país e unha cultura. A idea de Galiza nos nosos escritores”. En 1963 nace a revista Grial, codirixida por Ramón Piñeiro e Fdez. Del Riego durante 25 anos, onde tamén publicou diversos artigos. Neste mesmo ano da súa fundación, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, presenta na RAG xunto con Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, a iniciativa de celebrarmos os 17 de maio o Día das Letras Galegas. Sendo adicado ese ano de 1963 a Rosalía de Castro e o seguinte -1964- a Castelao.

En 1997 preside a RAG., dándolle máis dinamismo e abríndoa á sociedade. Tamén foi director da Biblioteca Penzol de Vigo desde 1963 até 2009. Recibiu múltiples premios e recoñecementos en vida, que non vou citar para non estenderme de máis. Escribiu tamén numerosos artigos na prensa galega.

“En 1997 preside a RAG., dándolle máis dinamismo e abríndoa á sociedade”

Entre as súas obras, citarei a Historia da Literatura Galega (editada en Galaxia), Dicionario de escritores en lingua galega (Edicións do Castro), Pensamento galeguista do s. XIX e Pensamento galeguista do s. XX e dúas que si lin e das que gostei: Con Pondal en Bergantiños, recentemente reeditada por Galaxia e O señor da casa grande de Cima de Vila, sobre Ramón Otero Pedrayo e editado pola Fundación que leva o nome deste. Porén ten máis obras, que non cito. Tamén quero comentar que durante o franquismo foi detido arbitrariamente e estivo no cárcere vigués dúas semanas. Sobre Fdez. Del Riego lin a biografía escrita por Ramón Nicolás, que recomendo; porén hai máis.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.