Labirintos brasileiros.

A vitoria de Lula da Silva na primeira volta das presidenciais de Brasil celebrada este 2 de outubro, alcanzando o 48,2% dos votos, cinco puntos porcentuais por riba do seu contrincante e actual presidente Jair Bolsonaro (43,09%) deixa os escenarios absolutamente abertos de cara á segunda volta presidencial a celebrarse o vindeiro 30 de outubro.

As enquisas previas daban a Lula a posibilidade de superar o 50% necesario para evitar a segunda volta. Non obstante, os resultados da primeira volta traducen un país fortemente polarizado, onde o “bolsonarismo”, sorte de “trumpismo” carioca, consolídase como unha opción política. O aliñamento de alianzas de cara á segunda volta definirán o próximo presidente, razón pola que a atención estará enfocada en como desnivelará a balanza a opción de Simone Tebet, do Movemento Democrático Brasileiro, que alcanzou o 4,15% dos votos.

O prisma da polarización empana o clima político brasileiro cando a previsible vitoria de Lula anunciaba un feito histórico en chave reivindicativa. Á espera da segunda volta, Lula ten opcións de volver á presidencia. Sendo este o caso, o seu retorno non debería analizarse unicamente dentro do contexto do retorno das esquerdas ao poder en América Latina desde 2019 (Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia) senón máis ben da necesidade de recuperar a estabilidade tras anos de vertixinosa crises políticas e institucionais vividas dende o impeachment que acabou en 2016 coa presidencia de Dilma Rousseff (a sucesora de Lula), da falacia do xuízo político contra o propio Lula e a entronización dun populista de dereitas como Bolsonaro en 2019.

“O prisma da polarización empana o clima político brasileiro cando a previsible vitoria de Lula anunciaba un feito histórico en chave reivindicativa”

Dende entón, unha esquerda brasileira atomizada e orfa de liderados alternativos “post-Lula” capacitados para confrontar unha presidencia de Bolsonario lastrada pola demagoxia e o revanchismo, veuse na obriga de recuperar ao seu líder histórico. Non obstante, o panorama do Brasil despois da primeira volta da a entender que o “bolsonarismo” ten migas suficientes para seguir polarizando e radicalizando ao país.

Lula volve, si, pero o Brasil actual xa non é o mesmo que en 2003 cando alcanzou a presidencia co Partido dos Traballadores (PT) Lula significa aínda a esperanza de milleiros de persoas que ansían diminuír as desigualdades socieconómicas, transitar polo progresismo e facer de Brasil unha alternativa global vía “altermundialismo”. Pero Bolsonario logrou contemporizar unha vía reaccionaria que da a entender dificultades para a gobernabilidade do xigante sudamericano.

“Lula volve, si, pero o Brasil actual xa non é o mesmo que en 2003 cando alcanzou a presidencia”

Así e no contexto actual, terá capacidade Lula para recuperar a estabilidade dun país aínda lastrado polas desigualdades e inxustizas e que vive o seu momento “trumpista” con Bolsonaro?

Difícil panorama toda vez Lula pode aproveitar o revival das esquerdas na rexión pero tamén deberá observar con atención cómo Europa segue marcando o paso dese “trumpismo” global con Giorgia Meloni en Italia, Viktor Orban en Hungría e a dereita cabalgando coa extrema dereita en Polonia e Suecia, polo de agora.

Na ‘verdeamarela’ bandeira brasileira está escrito o lema “Ordem e Progresso”. Visto o contexto actual, Bolsonaro pretende imprimir unha “ordem” con visos autoritarios mentres Lula tenta recuperar o camiño do “progresso” vía democracia participativa. Difícil metáfora que, a todas luces, define dalgún xeito a historia contemporánea de Brasil, un país que sempre será “de futuro”, como diría no seu momento o escritor Stefan Zweig.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.