“José Afonso manifestou un amor interno á Galiza pola comprensión que tiveron con el”

Paulo Esperança | Autor do libro 'José Afonso. O triángulo máxico na súa vida e obra'

O 15 de decembro presentouse en Compostela o libro ‘José Afonso. O triángulo máxico na súa vida e obra’ do autor Paulo Esperança. Na presentación participaron Iria Méndez, quen fixo unha introdución tanto do libro como do autor e protagonista do mesmo. O Leo de Matamá musicando algunhas pezas que cantara Afonso e o actor e colega de Esperança, Gil Filipe quen deu lectura a algunhas pasaxes do libro e datos biográficos sobre José Afonso. O encontro estivo organizado pola Associaçom José Afonso (AJA) Galiza. Falamos brevemente co Paulo Esperança logo do acto.

Como foi a súa relación con José Afonso e logo o traballo para crear este libro?
Coñecín ao José “Zeca” Afonso en 1976. Daquela houbera eleccións presidenciais en Portugal, e un dos Capitáns de Abril, Otelo Saraiva de Carvalho, foi candidato. O “Zeca” Afonso apoiou a Saraiva de Carvalho; naquel momento eu militaba nunha organización que tamén apoiou a candidatura do Otelo. Na altura daquel tempo axudei a organizar a campaña electoral no norte do país e así coñecín a José Afonso como outros cantantes que interviñeron musicalmente, así andamos xuntos durante ese periodo.

A impresión que lle deixou o colonialismo parece ser moi fonda.
A impresión que el tiña sobre o colonialismo era moi clara. Tiña músicas que hoxe nesta presentación non escoitamos aquí, onde describía o que era o colonialismo para el, tamén o deixou dito en moitas entrevistas. Hai unha componente moi grande e pouco coñecida en Portugal que era a componente afectiva pola Galiza. El manifestou un amor interno á Galiza pola comprensión que tiveron con el, co apoio que lle deron, esa é unha cuestión de feito. África foi onde el abriu os ollos cando veu a opresión á poboación autóctona, os africanos que vivían alí. En Portugal el fai tamén unha recolla de impresións e entón é cando entra en política contra o fascismo e a represión.

Encontrou similitudes entre a opresión dentro do mesmo Portugal e nas colonias?
Mesmo antes do 25 de Abril fartouse de facer concertos en Portugal para fábricas que estaban en folga. Desde logo, a represión era moi potente, como é lóxico. El era consciente dese grao tan elevado de represión. Mais as grandes cancións onde el reflicte a situación sobre o colonialismo son feitas en Portugal logo de volver da África. Por tanto, a cousa foi madurecendo até que un día todo saltou e viñeron as diferentes cancións.

Cal foi a impresión sobre Galiza cando veu a primeira vez?
Non podo dicilo con certeza absoluta. Si podo dicir que el describe e a impresión consecuente é boa, como é evidente. Se coñece o 10 de maio de 1972 o Benedicto (Voces Ceibes) e en novembro convida para gravar un disco, por algunha razón foi, é que a impresión foi moi boa.

Vostede acompañouno durante algunha das súas viaxes por Galiza?
Non, aínda que un dos últimos grandes concertos que houbo aquí foi en agosto de 1985, no Castrelos de Vigo, daquela xa estaba moi enfermo, un concerto organizado polo xornal ‘A Nosa Terra’ e o Xico de Cariño. Houbo outras iniciativas iguais con outros amigos do Zeca, toda unha serie de homenaxes que se recollen neste libro até o 2022.

Séntese hoxe a pegada de José Afonso en Portugal?
Hai unha expresión portuguesa que non sei se se utiliza na Galiza: “asuviar para o lado”. É como facer de conta que non hai nada con nós, ves unha situación crítica e dis “non é nada comigo”. Moitos sectores en Portugal teñen esa perspectiva, cousa que eu non vexo en Galiza, por exemplo; non quero dicir que o coñeza todo o país, obviamente. No caso de Portugal, se non fose pola Associação José Afonso, que ten dezasete núcleos, vamos implementar unha serie de propostas como para o ano que vén, no 50 aniversario do 25 de Abril, temos un proxecto para as escolas.

“En Portugal existe indiferenza coa pegada de José Afonso, cousa que non vexo en Galiza”

Como será ese proxecto?
Nós falaremos sobre a figura de José Afonso, falamos da súa obra, falar do que foi o fascismo portugués, falar do que representa a liberdade hoxe, dicir algunhas cousas ás crianzas que non sabían sobre elementos anteriores ao 25 de abril. Por exemplo, a profesora para casar tiña que pedir autorización ao governo. Outra cousa: antes do 25 de Abril, para poder ter un isqueiro en Portugal tiñas que ter unha licenza, ir ás Finanzas, pagar unha taxa, andabas co papel no peto e se prendías un cigarro, un policía podía pedirche a licenza. En 1969 houbo unha greve importante na universidade de Coimbra. Compraron tellas, porque hai unha expresión: “se non ten licenza, só pode encender o isqueiro deibaixo de tella”, en casa. Compraron tellas e os estudantes prendían cigarros poñendo unha tella sobre a cabeza. É ridículo mais os pequenos deben coñecer iso. Iremos adaptando o discurso segundo o público que teñamos.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.