IV edición de OurFest con apoio de Concertos do Xacobeo

O festival será o sábado 27 de setembro en Expourense

Ourense | Our Fest regresa o sábado 27 de setembro a Expourense da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, cunha cuarta edición que confirma á cidade das Burgas como un punto de encontro imprescindible para a música independente alternativa. Así o presentou esta mañá en rolda de prensa o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nun acto que tivo lugar na cidade das Burgas.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles, subliñou que “co apoio dos Concertos do Xacobeo, en apenas tres edicións, Our Fest conseguiu atraer públicos de toda Galicia, distintas zonas da Península e o norte de Portugal, xerando impacto cultural e social e ofrecendo experiencias irrepetibles ao achegar artistas de culto que, en moitos casos, visitaban a nosa comunidade por primeira vez”.

O director de Turismo resaltou tamén, que “con esta cuarta edición, Our Fest e os Concertos do Xacobeo consolidan a súa identidade: un espazo cun cartel que reflicte pasado, presente e futuro da música alternativa, e coa ambición de seguir facendo de Ourense un lugar ao que mirar cada setembro”.

Cartel ambicioso
Este 2025, a Xunta de Galicia apoia un ano máis a celebración deste sinalado evento ourensán, cun cartel que se presenta como un dos máis ambiciosos ata a data. Desde Viena chegan Kruder & Dorfmeister en formato DJ Set, pioneiros do downtempo e o trip hop, cuxo legado marcou a toda unha xeración de oíntes. Xunto a eles estarán os lendarios Happy Mondays, responsables de dar forma ao movemento Madchester. Ademais, a psicodelia expansiva de Mercury Rev traerá unha das experiencias sonoras máis singulares desta edición.

No apartado estatal, León Benavente reafirman o seu lugar entre os grandes nomes do rock. Así mesmo, o espírito inquedo e renovador do festival reflíctese na presenza de Viva Belgrado, que tras doce anos de carreira e máis de trinta países ás súas costas transformaron a intensidade do post-hardcore nunha linguaxe propia. Finalmente, desde Londres chegan Dream Nails, trío punk feminista que combina furia e empatía nun discurso combativo e festivo a partes iguais.

Concertos do Xacobeo, un programa plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a máis de 160 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.

Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, entre eles, Our Fest, Ou Yeah!, Terrasón ou a Xira Lugares Máxicos 2025 de Carlos Núñez.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.