Irán, a guerra que faltaba.

O ataque sen precedentes contra territorio israelí por parte da República Islámica de Irán realizado este 13 de abril, en resposta retaliativa ao ataque ‘quirúrxico’ realizado por Israel contra o Consulado iraniano en Damasco o pasado 1 de abril, supone un golpe de efecto por parte do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu á hora de recuperar a confianza por parte do seu estratéxico aliado estadounidense e os seus aliados occidentais ante as recentes críticas, tanto internas como externas, polos efectos da desproporcionada invasión militar israelí contra Gaza, da que se acaban de cumprir seis meses de duración.

Este golpe de efecto de Netanyahu implica recolocar no centro de atención a un ‘inimigo común’ para Occidente e Israel como é o caso de Irán, un instrumento sempre efectivo para reconducir alianzas en tempos de zozobra. A mesmo tempo o primeiro ministro israelí aplica unha estratexia tendente a recuperar a solidariedade internacional a favor de Israel coa finalidade de diluír as críticas e acusacións de ‘xenocidio’ cometidos polo seu goberno e forzas armadas contra a poboación palestina de Gaza. Alén do apoio inmediato a Israel por parte do presidente Joe Biden, o obxectivo de Netanyahu tamén enfócase no contexto electoral estadounidense, en particular ante a posibilidade de retorno á presidencia do seu aliado Donald Trump, de conocida simpatía por Israel, enemistade con Irán e indolencia ante o drama palestino. Alargar a guerra en Gaza e ampliala a un contexto rexional contra Irán é unha prioridade para Netanyahu en espera de observar a posibilidade de retorno de Trump á Casa Branca.

Neste sentido considero relevante reproducir a continuación integramente o meu artigo escrito o pasado 4 de xaneiro, intitulado “Tras Gaza, contra quen ‘Irán”?, e que define moitas das claves e factores detrás do que hoxe estamos observando dentro da escalada bélica en Oriente Próximo.

(—)

Tras Gaza, contra quen ‘Irán”?

Se a invasión israelí a Gaza e o bloqueo marítimo no Mar Vermello co epicentro no conflito en Iemen non son motivo suficiente de preocupación, outros tres acontecementos paralelos ilustran a posibilidade de espallamento dunha guerra a gran escala en Oriente Próximo. E esta confrontación apunta claramente a dous actores: Israel e Irán.

O asasinato vía dron en Beirut este 2 de xaneiro de Saleh al-Arouri, considerado o “número 2” da alta dirixencia de Hamás precedeu un día despois ao ataque (tamén vía dron) na mesquita da localidade iraniana de Kermán con motivo do cuarto aniversario do asasinato en Bagdad do xeneral Qassem Soleimani, xefe da Forza Al Qods (Xerusalén en árabe) da pretoriana Garda da Revolución Iraniana (GRI)

O ataque, que provocou máis de 80 mortos e é considerado como o peor atentado na historia da República Islámica de Irán, foi inesperadamente reivindicado vía Telegram polo Estado Islámico. Non obstante, as autoridades iranianas acusaron inmediatamente a Israel de estar detrás deste atentado.

Ese mesmo día outro ataque “quirúrxico” en Bagdad matou ao líder da milicia xiíta iraquí Harukat al Nujaba, apoiada por Irán. Como en Beirut e Kermán (e como tamén sucede na guerra de Ucraína) un dron volveu a servir como instrumento letal. As autoridades iraquís acusaron a aliados “da coalición de EEUU” como presuntos perpetradores do asasinato. Medios estadounidenses, citando fontes militares, confirmaron ese mesmo argumento.

Vendo o contexto resulta chamativo o prudente “distanciamento” israelí destes acontecementos, unha estratexia moitas veces utilizada principalmente cando actúa fóra das súas fronteiras. Toda vez o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu prometera “demoler Hamás”, a secuencia dos feitos determinan un fío conductor que irremediablemente ilustra un nivel de confrontación rexional in crescendo entre Israel e Irán.

Por todos é coñecida a implicación e apoio loxístico e político da GRI dentro dos movementos islamitas palestinos Hamás e Yihad Islámica así como do libanés Hizbulá. Toda vez Teherán, que celebrará en marzo comicios parlamentarios, é un aliado estratéxico do réxime sirio de Bashar al Asad (tradicional inimigo israelí) así como ten un peso e influencia relevante na política iraquí vía a comunidade xiíta e dentro da guerra civil en Iemen en apoio aos rebeldes hutíes que actualmente atacan as vías de transporte do Mar Vermello, ruta marítima imprescindible pola que pasa aproximadamente o 15% do comercio mundial.

Toda vez Israel negou a súa implicación nos ataques en Beirut e Kermán, é máis que perceptible a súa autoría nestes ataques “quirúrxicos” (Netanyahu dixit) realizados contra o líder de Hamás na capital libanesa e contra o GRI. Non obstante, a súbita reivindicación do Estado Islámico no atentado en Irán recrea suspicacias. Este grupo yihadista estaba practicamente desaparecido do centro de atención nos últimos anos, visiblemente desarticulado tralo protagonismo que tivera antano durante a guerra civil siria (desde 2011) Polo tanto a súa “reivindicación” arroxa mais interrogantes e suspicacias sobre a autoría real deste ataque que golpea no corazón neurálxico do poder iraniano, o GRI, así como nas súas ramificacións e alianzas rexionais (Hamas, Hizbulá, xiítas de Iraq)

Pero hai precedentes que poden intuír que, detrás do ataque en Irán, poda existir unha “conexión israelí” tomando en conta contactos anteriores con grupos islamistas. Durante as décadas de 1980 e 1990, Israel foi un dos inesperados “apoios colaterais” de Hamás precisamente coa finalidade de desacreditar a Arafat e á OLP. Morto Arafat en 2004, Hamás pasou a ser convenientemente o inimigo principal israelí precisamente polas súas ramificacións de apoios principalmente de cara a Irán e o Hizbulá. Mesmos mutuos intereses orixinarios existiron entre Israel e Estado Islámico. Nos momentos “estelares” do Estado Islámico entre Siria e Irak fai aproximadamente unha década, Israel sempre evitou atacar “quirúrxicamente” obxectivos deste grupo yihadista e viceversa: o Estado Islámico tampouco atacou obxectivos israelís. Na actualidade, ante a inesperada e intrigante “resurrección” do Estado Islámico, moi probablemente Tel Aviv manexa a perspectiva de “resetear” a incerta capacidade operativa do Estado Islámico para atacar réximes rivais como os de Siria e Irán.

Isto permite igualmente intuír que non sería descartable que Tel Aviv utilice novos aliados integristas islamitas, neste caso un alicaído Estado Islámico, para un ataque desta envergadura en Irán vía dron, precisamente sendo esta unha das fortalezas militares israelíes.

Definirá isto unha posible guerra subterránea a gran escala entre Israel e Irán en diversos escenarios rexionais (Gaza, Líbano, Iraq, Golfo Pérsico)? É unha posibilidade. Pero tamén debemos tomar en conta os intereses das alianzas existentes. Un ataque israelí contra Irán implicaría tamén a EEUU, colocando nunha difícil posición ao presidente Joseph Biden nun ano electoral no seu país onde se xoga unha reelección incerta mentres asoma no escenario político a figura de Donald Trump, íntimo aliado de Netanyahu.

O asasinato de Beirut moi seguramente é un golpe para Hamás, Hizbulá e Irán. Pero non está claro que Hizbulá e Teherán terminen atacando a Israel ante o inflamado escenario rexional coa guerra de arrase e exterminio israelí en Gaza. Neste sentido, Teherán e Washington, cada un polo seu lado e coas súas respectivas esferas de influencia, deben estar medindo con discreción e cautela os pasos a dar ante estes recentes ataques en Oriente Próximo.

Non obstante, este delicado equilibrio rexional ameaza con saltar polos aires. Con todo, a realpolitik e a disuasión militar poden terminar sendo máis determinantes á hora de evitar unha escalada aparentemente sen control. Con Gaza ardendo na destrución, unha guerra aberta entre Israel e Irán sepultaría calquera expectativa de retornar a certo nivel de estabilidade rexional.

Pero pode que os “falcóns” militaristas existentes en tódalas partes involucradas estean precisamente apostando por outra cousa.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.