Invisibles ou non nos queren ver?

Ás veces pregúntome se existimos, se é certo que somos -seica tan só uns cantos habitamos- de aquí, de Galiza. Porque vexo que nos medios e nas voces de moitos listiños non constamos, non nos nomean, non din de nós que somos unha Nación, unha Casa, orixe, pobo, unha terra.

Galiza semella unha contradición, unha pregunta no aire da que esquecen nas distancias da lonxincua xeografía. Temos moi marcados signos diferenciais, de todo tipo, e tamén unha morea de dores desas que nunca curan que nos caracterizan tamén e é nesa dor onde facemos irmandade. Mais eu pregunto se existimos porque ultimamente silénciannos moito e con moita frecuencia, iso por riba de quedar baixo múltiples desprezos abandeirados tamén da xente que nos goberna, e que saen elixidos masocáticamente.

Estamos nese lugar preciso no que se produciu de todo, sobre todo moitos emigrantes, moita fame, moito traballo precariado, moita mentalidade sometida na extinción demográfica. E por riba no silenzo, nos eólicos mal situados e enormes para producir máis, nos encoros asolaga-dores, na intransixencia, na vergoña, no auto-odio, no desespero fatalista do abandono, na petulancia do privado e da privación de dereitos, nos shows de figuristas que saen nas fotos e na pantalla, nos habituais medios a dicir estupideces e prohibindo a un tempo que as verdades en noticia sexan contadas nos medios públicos creados para tal fin.

“Seguimos nesta prórroga continuísta, subalterna e fatal de catro anos que vive botando a culpa a outros, botando fóra as responsabilidades propias”

Si, seguimos nesta prórroga continuísta, subalterna e fatal de catro anos que vive botando a culpa a outros, botando fóra as responsabilidades propias. Catro anos máis son unha eternidade que non se xustifica cos máximos electorais e históricos no medio desta desfeita social e cultural, demográfica.

Pero non entendo como sucede, por máis que me esforzo, ao ver o que vemos nas consultas médicas, nos centros educativos, na xente nova que marcha, nos problemas de cada día, tanto nas cidades coma no rural, na agricultura, na pesca, na industria que se nos vai no medio das estratexias contrarias que desestabilizan e corrompen, nas faltas de previsión do cambio climático, no medio desta crise enerxética e coas contaminacións ideolóxicas, sociais e culturais que nos esperan, cargadas de especulación e estancamentos.

Estamos a monte! Que futuro nos queda? Non é crible, certamente precisamos espertar e tomar conciencia para que o futuro se encha de novos recendos, de novas cores, de esperanza. Por iso dóeme tanto que nos silencien, cando falan de Cataluña e do País Vasco e sibilinamente esquecen de nós. Dóeme fondamente, o outro día fíxoo Zapatero -non é o primeiro, que foron moitos, tamén cataláns e vascos- nun programa da tele española e falando de nacións e nacionalidades. Seica nós non armamos algarabía e por iso non nos saben.

Era para soltar pecados. Esas omisións son un insulto á loita desesperada dun pobo, que é, porque somos reais e verdadeiros, que loitamos sen tregua por recuperar o sitio que nos corresponde e que tanta xente -polo visto- lle nega en clave de ocultación desde hai séculos. Semella temos que, unha vez máis, loitar pola nosa existencia para que consideren somos máis que catro provincias.

Estamos tapados ou non saltan os sensores das portas de abrir, négannos e castígannos á invisibilidade. Necesitamos que nos dean acción, estado, esencia e substancia, causa, ser e vida. Necesitamos esa relevante inculpación que nos redima das nosas contrariedades e desterros, na propia casa.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.