• Segue conectado
  • |

Intelixencia inclusiva para o galego.

Fiquei pampo coa afirmacion do grande historiador galego Anselmo López Carreira de lle botar a culpa ao reintegracionismo de moitos dos males que aqueixan hoxe a nosa lingua. Non podía dar creto como unha das persoas que máis fixo para que coñecésemos a realidade do Reino medieval de Galicia fronte as ladaíñas e invencións da historiografía oficialista española podía defender ideas desta caste.

Claro é que tan inxusto sería botar as mesmas culpas contra os partidarios da normativa RAG-ILGA. Os males presentes do galego xorden de moito tempo atrás, dunha perda absoluta de poder político dende primeiros do século XVI (fronte aos casos de Euskadi -que o perdeu a primeiros do XIX- e Catalunya -que o perdeu a primeiros do XVIII) e da falla de consolidación dunha burguesía conectada cunha idea de País. Despois, é evidente, está o fracaso absoluto ou relativo de moitas das políticas desenvolvidas dende o comezo da autonomía, malia que teña para min que a principal razón deste fracaso fose moito máis a falla de medios materiais, organización e intensidade no desenvolmento destas políticas ca no deseño das mesmas.

Dito isto, cómpre recoñecer que a falla de concordia normativa trasladoulle a varias xeracións de estudantes dúbidas que non axudaron nada para que asumisen o galego como lingua de instalación. Dúbidas cando non os danos colaterais de que galegofalantes de berce sofrisen sucesivas correccións de profesores reintegracionistas e, despois, isolacionistas. Moitas veces algúns docentes dunha e outra normativa amosaron máis preocupación pola súa materia ca pola instalación dos alumnos na nosa lingua.

Velaí que, cando a ruptura da cadea de transmisión lingüística é xa un feito medíbel, cumpra intelixencia e inclusión no desenvolvemento das políticas de promoción do galego e nas técnicas de aprendizaxe da mesma. Porque cómprenos concordia entre normativo e reintegrado, recoñecendo a dualidade normativa na escrita e quizais na aprendizaxe. Agarimando e comprendendo cadansúas especificades dos galegofalantes de berce e dos neofalantes.

Sumar, incluir, para gañar. O adversario non é nin o “nh” nin o “ñ”. Serao, en todo caso, a agresiva intolerancia de Galicia Bilingüe.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 26 Xuñ 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies