Moitas persoas, incluídos amigos ben formados e con experiencia, aceptou os termos que identifican “iso” que se presenta e vende como un gran avance para case todo, mesmo para substituír a decisións humanas, desde as mais simples ás mais complexas y con implicacións éticas e repercusións incalculables. Ben , pois “iso” si que é artificial pero non é “intelixencia” senón “memoria” acumulada e selectiva de creacións, coñecementos e opinións de millóns de persoas humanas só en teoría intelixentes, pero que non sempre teñen a condición de ser certas, nin éticas, e polo menos non daniñas.
Na década dos 70 do pasado século XX o sociólogo Alvin Toffler publico dous libros, “O Shock do Futuro” e “A terceira Onda” (ambos na miña biblioteca desde entón), nos que prognosticaba como sería a sociedade pos-industrial neste século, acertou no mais e errou nalgunhas das predicións. Acertou sobre todo en que as novas tecnoloxías evolucionarían a un ritmo imposible de seguir pola maioría da sociedade, e en que a información xerada e dispoñible excedería calquera límite imaxinable. Tamén acertou en que algunhas consecuencias seria graves para boa parte da poboación. Equivocouse na súa optimista valoración de que en xeral todo iría razoablemente ben, aínda que algúns sectores e numerosos individuos sufrisen para adaptarse.
O mesmo autor nas súas últimas publicacións, avanzado xa o actual século constata que as institucións democráticas, tanto as privadas, como as sociais ou as públicas, nas que confiara para regular e controlar os efectos mais daniños da nova civilización baseada na economía da información, están a ser superadas, e que abunda o mal uso polos réximes autoritarios que utilizan as capacidades das novas tecnoloxías para consolidar a súa poder. Novamente opta polo optimismo e a pesar dos riscos, que recoñece existen, confiá en que os emprendedores sociais, culturais e individuais serán capaces de adaptarse e aproveitar as oportunidades da nova civilización.
Uns 20 anos despois do seu “A Revolución da Riqueza”, somos moitos os que constatamos que non son só os gobernos autoritarios os que fan mal uso da tecnoloxía, en xeral esa tecnoloxía converteuse nunha ferramenta de vixilancia que permite aos gobernos de todo signo o control de todos os aspectos da vida dos seus cidadáns e que moitos o fan sen pudor nin límites éticos. Pódese afirmar que xa existe un nivel de poder á marxe, ou mesmo por encima, dos gobernos, que é quen chamou, mentindo conscientemente, de que é “intelixencia” ao que é “memoria” selectiva e ademais case sempre manipulada.
“A I.A. é útil para resolver problemas burocráticos, organizativos, loxísticos, artísticos, matemáticos, etc. pero simultaneamente é un risco inasumible para dereitos dos cidadáns”
Conclusión, como outras ferramentas tecnolóxicas a I.A. é útil para resolver problemas burocráticos, organizativos, loxísticos, artísticos, matemáticos, etc. pero simultaneamente é un risco inasumible para dereitos dos cidadáns, e para os propios gobernos democráticos, deixar que uns poucos individuos, en ocasións anónimos, exerzan de feito un autoritarismo dixital, detentando un poder que non lles pertence mediante a selección e manipulación de forma libérrima do que a ferramenta vai transmitir como certo e desexable. Exemplos próximos temos, con nome e apelidos dos responsables da contaminación de procesos democráticos, obtendo resultados contrarios aos intereses da maioría que condicionan gobernos, leis e agresións entre pobos, e de condicionamentos alienantes a grandes colectivos case a diario, condicionamentos dos que se derivan graves danos a persoas vulnerables, mesmo suicidios de mozos facilmente influenciables, e que priorizan modas absurdas sobre verdades constatadas.
Opinión. A día de hoxe o balance do que coñecemos da mal chamada “intelixencia artificial” inclínase mais cara á xeración de problemas graves (e quizá se podería utilizar o superlativo) , que cara a solucións necesarias ou urxentes. Non acepto que se aplique o termo intelixencia a algo que propicia a produción de pornografía infantil de forma masiva, ou que pon nas súas respostas a un mesmo nivel de importancia datos e feitos cientificamente probados con opinións bizarras, indocumentadas e mesmo perigosas, porque os seus donos e administradores así o decidiron por ser favorables para os seus intereses económicos ou ideolóxicos.





