“Insubmisas contra o Rearmamento” rexeita a posición “belicista” do Aeródromo Militar de Santiago

O colectivo respondeu ás declaracións do coronel Juan Pedro Velázquez-Gaztelu co respecto á “ameaza rusa

Santiago de Compostela | Desde Insubmisas Contra o Rearmamento – Galicia, queremos expresar o noso máis fondo e enérxico rexeitamento ás recentes declaracións do coronel Juan Pedro Velázquez-Gaztelu, xefe do Aeródromo Militar de Santiago, quen afirmou con absoluta frivolidade que España está preparada para “responder en menos de 15 minutos” a unha suposta ameaza rusa.

Este tipo de declaracións, que evocan con orgullo absurdo e irracional a capacidade de intervención militar rápida, son dunha irresponsabilidade alarmante. Reflicten ata que punto os altos mandos do Exército español asumen e difunden unha lóxica belicista e autoritaria, incompatible cunha sociedade que aspire á paz, á democracia real e ao respecto polos dereitos humanos. A glorificación da resposta armada como fórmula de xestión dos conflitos non só é perigosa, senón tamén expresión dunha cultura política profundamente antidemocrática e deshumanizadora. As guerras non son escenarios para demostrar poder nin eficacia técnica: son dispositivos de morte e dominación que destrúen vidas, territorios e futuros, sempre a conta das clases populares e conxunto da maioría social.

Estas palabras encaixan perfectamente co contexto de réxime de guerra e incremento do gasto militar, promovido pola OTAN e asumido sen debate pola Unión Europea e o Goberno español. Mentres se recortan ou limitan investimentos en sanidade, vivenda, coidados, axuda a dependencia, educación e transición ecolóxica, destínanse milleiros de millóns de euros a armas, base militares e alianzas ofensivas que só alimentan máis violencia e inseguridade global.

“Estas palabras encaixan perfectamente co contexto de réxime de guerra e incremento do gasto militar, promovido pola OTAN e asumido sen debate pola Unión Europea e o Goberno español”

Dende Insubmisas Contra o Rearmamento rexeitamos que o noso territorio se utilice como peza dunha estratexia imperial e armamentista. Non queremos formar parte de guerras alleas nin ser cómplices de escaladas bélicas que desestabilizan o mundo en nome de intereses xeopolíticos e económicos alleos aos dereitos dos pobos.

A verdadeira seguridade non se constrúe con bombas nin avións de combate, senón con xustiza social, coidados colectivos, soberanía alimentaria, ecoloxismo e cultura de paz. Fronte á propaganda militarista, reivindicamos o valor da diplomacia, a mediación internacional, a resolución pacífica de conflitos e a desmilitarización como únicos camiños viables para garantir unha convivencia global sostible e libre de dominacións, tanto do imperialismo ruso como dos Estados Unidos e das potencias occidentais.

As palabras do coronel Gaztelu son a expresión dun réxime de guerra normalizado, que pretende que aceptemos como inevitable a militarización da vida, do territorio e das relacións internacionais. Desde Insubmisas Contra o Reamamento dicimos non, e chamamos a todas as organizacións sociais, sindicais, políticas e culturais galegas a denunciar este rumbo perigoso e a construirmos alternativas feministas, pacifistas e solidarias fronte á barbarie bélica.

Fronte ao rearmamento e o militarismo, máis solidariedade, máis coidados, máis paz.

Insubmisas Contra O Rearmamento Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.