Inspección de Traballo expedienta á empresa Óbolo por infracción laboral

Tras admitir unha denuncia realizada pola CIG

Ponteareas | O conflito entre o SAF de Ponteareas e a empresa concesionaria Óbolo segue adiante. Mentres o Comité do SAF mantén a folga indefinida convocou para este 24 de outubro a unha “Carabana da Dignidade” pedindo a saída de Óbolo de Ponteareas, a Inspección de Traballo elevou un acta contra esta empresa por “infracción moi grave en materia de relacións laborais” ao constatar que substituíu ás traballadoras en folga con persoal de nova contratación.

Segundo informou a CIG, a resolución de Traballo responde a unha denuncia realizada por este sindicato tras detectar que Óbolo estaba incorporando persoal de servizo a pesar de estar activa a folga indefinida desde o pasado 26 de setembro. A CIG instou ao Concello de Ponteareas a “apoiar os dereitos das traballadoras” e a rescindir o contrato coa concesionaria.

Segundo as xestións da Inspectoría de Traballo, Óbolo xustificou estas contratacións alegando que non eran para cubrir os servizos mínimos senón as baixas e vacacións. No obstante, a acta de Traballo acreditou que, cando menos, a empresa contratou unha traballadora co único obxectivo de substituír e deixar sen efecto a folga indefinida, unha práctica prohibida pola normativa vixente.

Inspección de Traballo informou que xa advertira con anterioridade a Óbolo de “abstenerse de toda actuación que implicara substitución, directa ou indirecta, das persoas traballadoras en folga”. Unha advertencia que a empresa incumpriu, aspecto que “reforza o elemento de culpabilidade e gravidade da conducta infractora”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.