
Vigo | Reforzar a Vigo e a Galicia como importante polo tecnolóxico e industrial é o obxectivo do plan de crecemento e atracción de talento de INDRA GROUP que hoxe presentou en Afundación a súa folla de roteiro para potenciar o ecosistema tecnolóxico vigués e galego que pasará pola ampliación do seu persoal coa contratación este mesmo ano de 170 profesionais, todos eles empregos estables, de alto valor e cualificación.
Representantes institucionais e responsables de universidades, centros educativos e de Formación Profesional e de áreas de formación e emprego asistiron á xornada, que foi clausurada polo delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades. Durante a mañá, responsables de diferentes liñas de negocio e áreas de desenvolvemento de INDRA, explicaron que o plan de crecemento para Galicia estenderase a todas as súas liñas de negocio e prevén a incorporación de perfís de todos os niveis e especialización, tanto de FP como de Enxeñerías. Para iso reforzarán a súa relación coas institucións e o ámbito educativo, consolidarán o novo centro de produción en Vigo e incrementarán as capacidades de enxeñería ampliando a cadea de valor para integrar ao tecido industrial do territorio.
Os dous proxectos estrela que unen actualmente a Zona Franca con INDRA, consolidan a Vigo como enclave fundamental para as capacidades tecnolóxicas avanzadas da compañía. Son a construción no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo da primeira fábrica de España de semiconductores fotónicos (proxecto SPARC), que INDRA considera un paso decisivo para reforzar a autonomía estratéxica e soberanía tecnolóxica de España e Europa; e o do Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa no VgoTIC Global HUB de López Mora.




