A perspectiva dos tempos deixa un sabor acedo sobre todo cando vemos nas incompetencias daqueles que empregan o poder e non fan nin deixan facer, nin sequera aprenden, mais caen de seguido nos supostos erros que o mesmo poder contaxia e que son propios de non pisar terra, de evadir a relación directa coa xente do común, para saber das preocupacións do día a día que todas e todos temos. Mentres, atenden consignas de partido, adoutrinadores de salón.
Si, e esa ostentosidade que os distancia da terra, do pobo que -seica- os escolleu, fainos agora padecer -pobriños eles- as consecuencias de séculos de historia tentando entender o que non aprenden nin queren entender. Teñen que ocorrer desgrazas, unha e outra vez, para que nos deamos conta das cousas. Ten que caer o poste da luz enriba dunha persoa para que no concello se dean conta do mal que estaba e do mal que despois causou. Son incapaces de atallar o problema, a pesar das advertencias previas que houbera, a pesar de que se vía vir.
“Non fixeron nada, non tomaron a precaución da dor. Tampouco advertiron a súa incompentencia”
Non fixeron nada, non tomaron a precaución da dor. Tampouco advertiron a súa incompentencia. Foron irresponsables e deberan pagar pola súa desidia. Isto pasa todos os días, diante dos nosos ollos, e case toda aquela xente que teñen responsabilidade de goberno deberan pagar esa súa irresponsabilidade, polo menos devolvendo o sitio ocupado e os beneficios troquelados, polo menos reintegrando o soldo recibido e talmente roubado. Ocorre en todos os organismos, tamén na sanidade. Cun tema que nos afecta grandemente. Non hai médicos para o servizo, agora si, xa precarizado e cheo de problemas. Non hai médicos porque non o consideraron importante. Víase vir. Haber, hai profesionais médicas e ateeses, moitas e bos, pero marchan, aquí non teñen o recoñecemento social que merecen, comezando por eles, os que seica din gobernar. Hai tamén un clamor popular porque aínda permanecen os recortes económicos cos que pretendían xestionar un servizo público cada vez máis demandado, cada vez máis privatizado. Toda a xente está até o gorro da súa incompetencia.
O exemplo está claro cando vemos tamén a axilidade que teñen para subirse -eles mesmos, xa xefes de calquera gabinete- os seus soldos, nunca hai problema, súbeno e punto. Nin para os banquetes que montan en calquera evento, sexa ou non necesario. Non faltan orzamentos para técnicos e asesores, prebendas remuneradas xenerosamente para corruptelas que omiten ser ditas e aclaradas, baleiros da lei por onde se colan negocios e negociados. Témolo diante, sucede noutros eidos do ben común, non só na sanidade.
Na educación, que debera estar mimada e atendida para que cada vez sexa unha atención máis personalizada, máis directa e responsable. Nesas asistencias á dependencia, nesas inversións en saúde rural, nesas necesarias inversións en cultura e educación, a educación tamén noutras idades, en ciencia e tecnoloxías. Pois si, esta xente que di dirixirnos deste xeito, levan anos chupando do frasco, no mellor dos casos sen facer nada e cando fan algo consiste en omitir o servizo da atención debida á sociedade, á que deberan servir, porque a pesar de todo seica foi quen os meteu aí e que á súa vez os ten subidos ao poder, onde repito no mellor dos casos non fixeron nada por mellorar nada. Esa tamén é unha ideoloxía maligna que nos afecta, que debera ser castigada e penalizada, a lo menos cuestionada, por seguir a ocupar postos nos que non defenden o porvir, nin atenden ás necesidades do pobo.