
Ponteareas | O Concello de Ponteareas abrirá mañá venres, ás 16:00 horas, as portas do Mercatea Nadal, a feira de produtos de nadal ideada para dinamizar a vila, facilitar á veciñanza a procura de agasallos especiais e ofrecer un espazo agradable no que realizar actividades. Nesta edición, o mercado instalarase no primeiro andar da praza de abastos, onde permanecerá aberto desde mañá día 12 ata o vindeiro 24 de decembro.
Máis de 30 postos ofrecerán ao público unha ampla variedade de artigos, entre eles xoguetes, artesanía, prendas de vestir, complementos e outros produtos ideais para sorprender nestas festas.
Ademais da actividade comercial, todas as tardes o Mercatea Nadal acollerá obradoiros, xogos e catas de bebidas, unha programación que o Concello anunciará progresivamente nos próximos días, segundo explica o concelleiro de Comercio, Ricardo González.
Co obxectivo de crear un ambiente acolledor e plenamente festivo, o Concello atrezará a praza de abastos con decoración de Nadal e dotará de calefacción tanto a zona de expositores como as salas destinadas ás catas e aos obradoiros.
A alcaldesa Nava Castro anima a toda a cidadanía a achegarse a esta feira e desfrutar dunha proposta que combina compras, lecer e espírito de nadal. “Entre todas e todos podemos contribuír a ambientar a vila e xerar un ambiente que convide ao paseo promovendo así o encontro e a interacción”.
Música e catas de bebidas
Con motivo da inauguración, mañá ás 18:00 horas, o coro gospel do Conservatorio de Ponteareas ofrecerá unha actuación especial na propia praza de abastos, aberta ao público.
O sábado 13 haberá dous turnos para participar na cata de viños, o primeiro turno de de 19:00 a 20:00 horas e o segundo de 20:00 a 21:00 horas. As persoas que desexen inscribirse deben facelo vía WhatsApp ao número de teléfono de comercio 673 85 54 22. Máximo quince prazas.
Ese mesmo sábado ás 17:00 horas haberá un obradoiro de adornos de nadal para que todos os públicos teñan unha actividade na que poder participar.




