“Imos tardar anos en recuperarnos deste ano e medio de pandemia”

Julio Díaz Escolante | Presidente de ANPE – Galicia

Julio Díaz Escolante, profesional da educación, ve como o ensino público en Galicia vai perdendo calidade fronte ao privado e concertado. O motivo estaría na redución de orzamentos que deberan ir destinados aos céntros públicos. A isto engade a necesidade de construír máis centros públicos dentro das grandes cidades galegas de cara a que o ensino concertado non absorba máis recursos.

Cales son os obxectivos de ANPE (Asociación Nacional de Profesores) dentro do ámbito do profesorado?
Somos unha organización sindical que ten como obxectivo a defensa do profesorado do ensino público. Somos un sindicato independente de profesionais da educación pública, é dicir, a nosa é a defensa dos intereses do profesorado público.

Tendo en conta a vosa defensa do ensino público e sobre todo, do profesorado da pública, como analizades a creación e presenza do ensino concertado?
Dentro da nosa organización non temos representantes do ensino concertado. Por outra parte, entendemos que non se pode prescindir do ensino concertado mentres tanto non haxa prazas abondo no ensino público. A nosa postura é que os recursos deben ir ao ensino público. Unha vez que as necesidades do público quedan cubertas, dentro das ofertas que se poidan mostrar aos pais, nós optamos porque sexan empresas privas as que oferten. Aínda así, insistimos que a nosa postura é a de destinar todos os recursos cara o ensino público.

“A nosa postura é que os recursos deben ir ao ensino público”

A falta de prazas dentro do ensino público deberíase á falta de vontade política ou porque os orzamentos educativos non son suficientes?
Entendemos que nestes momentos a cuestión radica nas grandes cidades, porque no rural non temos problemas de prazas. Dentro das grandes cidades non hai infraestruturas creadas, non houbo moita preocupación para crealas precisamente porque a concertada ocupaba ese baleiro. Por iso vemos a necesidade de apostar nas sete grandes cidades por ampliar a oferta pública de ensino.

Os centros concertados non se poderían reverter ao público?
Son empresas privadas. Nós entendemos que a opción debera ser ensino totalmente público e ensino totalmente privado.

“Non somos partidarios do modelo actual. Consideramos que para un ensino público de calidade todo tipo de recursos deberan ser subministrados pola administración”

Sobre o modelo que se emprega para o acceso aos libros de texto, cal é a valoración que tedes?
Non somos partidarios do modelo actual. Consideramos que para un ensino público de calidade todo tipo de recursos deberan ser subministrados pola administración. Somos conscientes que hai alumnos e alumnas a quen non só se lles debera mercar o material escolar, tamén habería que subministrarlles outro tipo de axudas porque o alumnado do ensino público ten que competir cos mesmos medios que a privada. A solución é un ensino público totalmente gratuíto e non só nos libros de texto senón en todo tipo de material. Algúns alumnos necesitarán menos axudas que outros cuxa situación obrigue a mercarlles todo.

Iso implicaría tamén mercar tablets ou portátiles?
Somos partidarios de que o alumnado dispoña de material a través de tres medios, quen non teña medios abondo teña axudas para mercar o necesario e quen non teña ningún medio para o acceso ao material escolar, realizarlle unha compra total para que os alumnos do ensino público poidan competir en igualdade de condicións. Se isto non é así, prodúcese unha fenda dixital onde as clases menos favorecidas son as máis prexudicadas.

“A cuestión é que non só é a subministración de elementos tecnolóxicos senón que a conectividade en áreas do rural é case nula ou non existe”

O acceso ás novas tecnoloxías dentro do ensino público. Cales son as grandes lagoas que quedan por cubrir dentro deste campo?
A cuestión é que non só é a subministración de elementos tecnolóxicos senón que a conectividade en áreas do rural é case nula ou non existe. Por tanto, cremos que o ensino virtual é unha falacia porque mesmo nós cando nos conectamos coa Consellería por vídeoconferencia temos problemas coa Rede. O ensino de calidade tamén implica que haxa infraestruturas para a conexión a Internet cando sexa necesario o ensino a distancia en determinadas circunstancias.

O feito de poder pasar de curso ou ter o título escolar obrigatorio correspondente, aínda cunha cadeira non superada, considerades que é unha decisión idónea?
O que percibimos é o desexo de reducir as taxas de abandono escolar a base de reducir o nivel educativo e iso non pode ocorrer. Dentro dun ensino de calidade ten que haber un esforzo por parte dos alumnos, en que haber unhas necesidades e requisitos a cumprir. Descafeinar as notas a base de “café para todos”, non é válido, así non temos un ensino de calidade. Non é de recibo que un alumno que non se esforza ao final reciba uns resultados iguais a outro alumno que se esforzou e traballa día a día. As normas están para cumprir, certo, mais un alumno debe ter todas as materias superadas e o profesorado cando sabe cando o alumno está preparado para promocionar, e se non está preparado, os profesores tamén o saben. O caso é que se só cunha materia non conseguen reducir os índices de abandono, pasar a dúas para reducir o abandono escolar non ten sentido.

“Desde ANPE levamos tempo pedindo a esta Consellería (de Educación) manter o profesorado para reducir as ratios”

ANPE está de acordo na contratación de profesores para reducir ratios por aula aínda que a COVID non afectase xa aos centros educativos?
Desde ANPE levamos tempo pedindo a esta Consellería (de Educación) manter o profesorado para reducir as ratios. Hai Comunidades Autónomas que manteñen o número de profesores para reducir ratios sen axuda do Estado, mentres o goberno galego di estar á espera. Reducir as ratios o ano pasado deu moi bo resultado. Mais reducir a distancia de 1,5 a 1,2 metros de distancia non ten sentido cando enfrontamos unha variante máis perigosa de COVID. A admnistración debe facer o esforzo de manter este número de profesores e mantelos durante un período de tempo longo, pois imos tardar anos en recuperarnos deste ano e medio de pandemia. Por iso é necesario manter estes profesores para reforzar o ensino.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.