Salceda de Caselas | O día 14 de novembro terá lugar no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas a II Gala do Deporte, que porá en valor os logros deportivos das e os deportistas salcedenses nas últimas tempadas, nunha noite escollida para transmitir ao deporte de base do municipio o cariño e a calor que eles e elas mesmas colleitan co seu esforzo.
Segundo a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, “a I Gala do Deporte celebrouse en 2018, e neste momento pareceunos apropiado recuperala, e comezar a celebrala con periodicidade bianual. Temos a sorte de contar cun deporte de base sen igual, e merece ser posto en valor”.
Calquera deportista, equipo, ou entidade vencellada ao deporte (de orixe salcedense ou que garde unha relación estreita con Salceda) que desexe candidatar pode facelo ata 30 de setembro a través do formulario accesible a través do seguinte enlace: https://forms.gle/74hKoQ6UF1ZtoaFbA .
As categorías ás que se pode candidatar son:
Premio Entidade que Colabora co Deporte
Premio Mellor Evento Deportivo
Premio a unha Vida Adicada ao Deporte
Premio Mellor Equipo da Tempada
Premio Mellor Adestrador/a
Premio Escola Base
Premio Deportista Masculino con Maior Proxección
Premio Deportista Feminina con Maior Proxección
Premio Deportista Masculino Absoluto
Premio Deportista Feminina Absoluta
Mellor Actividade/Acción Social.
O Concelleiro de Deportes, Marcos Troncoso, anima a todas as persoas interesadas a presentarse, engandindo que “estamos a desexar achegarlle o recoñecemento que merecen, a todas esas persoas deportistas das que sentimos tanto orgullo”.
O xurado estará formado por unha Mesa constituída por membros de todas as entidades deportivas do municipio que desexen participar, así como dos grupos políticos da corporación. “Queremos transmitir a deportistas, clubes, equipos e demais entidades locais vencelladas ao deporte o noso máis sinceiro agradecemento por facer de Salceda un lugar máis san e máis activo”, engade Loli Castiñeira.
A financiación desta gala está incluída na liña 2 do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, con un orzamento de 9.456,54 €.