Ponteareas | Os IES Pedra da Auga e do Barral de Ponteareas xuntáronse esta mañá na praza de Bugallal para amosar pancartas e carteis cun dobre obxectivo: celebrar o Día Internacional/Mundial da Paz e denunciar o homicidio que Israel está a perpetrar en Palestina.
Manifestos, recitais de poemas (entre eles, “O xogo de pillar” de Alfonso Pexegueiro), música e ducias de bandeiras palestinas e pancartas a pedir Paz e a denunciar a masacre que o exército israelí leva anos e séculos facendo en Palestina soaron e ondearon polas rúas de Ponteareas e a praza da Igrexa.
Con este acto, os centros de ensino tentaron que toda a comunidade educativa e a propia sociedade ponteareá tomase conciencia sobre os máis de 40 conflitos bélicos que hai agora mesmo activos no mundo, guerras que están experimentando nos últimos anos un incremento nos seus niveis de violencia segundo din os datos proporcionados pola Escola de Pau da Universitat Autónoma de Barcelona no 2024.
Desta vez, quixeron denunciar esta situación focalizando o acto no acontecemento que agora mesmo está a ter máis transdencia e gravidade. Tal e como o seu propio manifesto dicía “os datos oficiais din que foron asasinadas en Gaza máis de 60.000 persoas nos últimos dous anos. Tendo en conta que máis do 30% da poboación palestina é menor de 14 anos, estímase que máis de 20.000 nenos e nenas levan sido asasinados dende outubro de 2023; 1 cada hora.