Tui | Tui foi o punto de partida do I Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo da Rede CIFT, Rede de Cruceiros Ibéricos Transfronteirizos, que se celebra esta semana. O programa comezou cunha visita técnica ao conxunto histórico da cidade e ás instalacións do Club Náutico San Telmo.
Precisamente neste último punto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, deron a benvida ás persoas participantes nesta iniciativa. No acto participaron tamén o presidente do Náutico, Ramón Docampo, e o representante de COGAMI, Diego Piñeiro.
Esta primeira xornada, desenvolvida o luns, estivo centrada no diálogo institucional e na cooperación territorial arredor do río Miño.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou “a excelente relación turística con Portugal, especialmente no eido do turismo de interior, que ofrece un potencial enorme aínda pouco explotado”. Subliñou ademais que “proxectos como a Rede CIFT fortalecen a cooperación e o desenvolvemento sostible de ambas beiras do Miño, reforzando o vínculo natural entre o río e a cidade”.
A concelleira de Turismo, Ana Núñez, incidiu na “importancia de impulsar iniciativas que conecten o río coa vida urbana, fomentando un modelo turístico respectuoso coa contorna e coa identidade fluvial que define a Tui”.
O I Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo da Rede CIFT continuará nos vindeiros días en distintos concellos da fronteira hispano-lusa, co obxectivo de consolidar itinerarios náutico-culturais sostibles que integren natureza, cultura e desenvolvemento local. A Tui volverá para facer o percorrido en barco entre a cidade e Vila Nova de Cerveira.
A Rede de Cruceiros Ibéricos Fluviais Transfronteirizos busca desenvolver unha rede de destinos náuticos-culturais sostibles nos cinco grandes ríos tranfronteirizos: Miño, Limia, Douro, Taxo e Guadiana.