Salvaterra de Miño | A plataforma de contratación do sector público do estado anuncia a licitación por máis de 553.000,00€ da obra de humanización do entorno da Capela de San Roque, na parroquia de Cabreira. Todas as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 20 de outubro. Estas obras están financiadas a través do Plan Extra e do Plan +Provincia da Deputación Provincial.
Na actualidade o entorno da capela atópase en pavimento de firme bituminoso e non posúe zonas de tránsito peonil. A zona de actuación conta cunha lonxitude de 135m e cun ancho variable entre os 4,5m e os 27m. Dadas as características da rúa que serve de acceso a capela e ao palco da música eliminarase o tráfico e humanizarase a vía, coa creación dunha plataforma única, co fin de darlle protagonismo ao peón, coa ampliación do espazo peonil procurando conseguir un ancho mínimo para o peón de 2,5 m.
Proponse a ampliación das zonas peonís e a redución do ancho da vía para o tránsito de vehículos seguindo os criterios para a redacción de proxectos de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos. Para as zonas peonís proponse unha mestura de pavimentos de lousa de pedra granítica en cor con dimensións 80x40x10cm, acabado labrado abuxardado fino, e formigón HP-40 con mallazo de 15x15x6mm.
Nos accesos a ermida de San Roque proponse a eliminación do pavimento bituminoso existente e a súa substitución polo pavimento de lousa granítica antes mencionado e un eixo central e formigón gris cepillado, co obxectivo de priorizar o uso peonil pero respectando en todo momento a entrada de vehículos as vivendas.
En canto a iluminación proponse a instalación de novas luminarias LED sobre báculo para a iluminación do entorno e proxectores específicos para a iluminación da ermida de San Roque e o palco da música. En relación os servizos afectados realizarase a renovación das tubaxes de saneamento e abastecemento, o soterramento de liñas de telecomunicacións e baixa tensión e a instalación de novas tubaxes de alumeado público. Esta actuación completase a actuación coa colocación de mobiliario urbano composto por bancos e xardineiras.
Deste xeito o Concello de Salvaterra de Miño busca contribuir a consecución dos obxectivos fixados na axenda 2030 e no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) e o Plan de Mobilidade Sostible do municipio.
[publi16]