Homenaxe póstuma ao escultor Florencio de Arboiro

Sotelo Blanco adica un libro ás múltiples actividades do polifacético artesano

Ourense | “Florencio de Arboiro. Arte da Terra” é o libro homenaxe ao polifacético artesano Florencio de Arboiro por parte do escritor Olegario Sotelo Blanco, de Mazaira (Castro Caldelas). A presentación foi na Facultade de Educación e Traballo Social. Participaron os profesores Jesús de Juana, Fátima Brañas e Xosé Manuel Cid, así como Almudena Martínez Feijoo, filla do finado e homenaxeado póstumamente.

Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia, escribe no limiar do libro que “ourensanía é un termo acuñado polo escritor Luís González Tosar que define un xeito especial de andar pola vida e atopa en Florencio de Arboiro a súa mellor expresión”. Santalices pechou no Campus de Ourense o acto en homenaxe a Florencio Martínez Vázquez (Florencio de Arboiro) organizado pola Fundación Sotelo Blanco.

O editor e escritor Olegario Sotelo, tras carenta anos de amizade co artista de Arboiro (San Xoán de Río) adica un libro de 85 páxinas cunha galería fotográfica en blanco e negro no que se resume a intensa actividade do escultor que ten a maior colección do mundo de rodas de afiar. Florencio estivo moi ligado, como recordou Xosé Manuel Cid, coa entón Facultade de Humanidades da que foi valedor. No seu obradoiro do Hospital Psiquiátrico de Toén, onde coñeceu ao doctor Santalices, espallou os seus coñecementos aos internos. Jesús de Juana comentou que o libro de Olegario sobre Florencio é unha película da vida dos dous. O autor do libro dixo que “Florencio foi unha desas persoas que se ten o privilexio de coñecer a desfrutar, desas que dan moito máis do que reciben e que sempre están cando se lles necesita. En Galicia coñecémolas como boas e xenerosas, e con iso nos abonda para entender. Unha vez máis, dou grazas por teres sido o meu amigo”.

Olegario Sotelo Blanco reparte a súa existencia de xubilado activo vivindo en Castro Caldelas e Barcelona sin facer ruído, pero fiel ao seu traballo por Galicia e Cataluña, a súa prezada segunda patria. Mira sempre cara o futuro, procurando que o permanente estado de provisionalidade vital non despiste o rumbo trazado.

A súa faceta de editor e empresario marcou definitivamente a súa figura pública, pero tamén é un prolífico autor de ensaio e narrativa que deixa unha pegada valiosa para a cultura galega. Nas fotos, intervención de Olegario Sotelo Blanco e o público asistente.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.