Homenaxe a Maruja Gómez, a primeira alcaldesa da Cañiza

Foi electa democraticamente nos comicios municipais de 1936

A Cañiza | A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), en colaboración co Concello da Cañiza, celebrou esta mañá no Salón Nobre de Plenos do Concello un acto institucional de homenaxe a Maruja Gómez González, primeira alcaldesa elixida democraticamente en Galicia, no municipio da Cañiza, no ano 1936.

O acto estivo copresidido pola vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral, e polo alcalde da Cañiza, Luis Piña, e forma parte das actividades impulsadas polo municipalismo galego arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Cando se cumpren 90 anos da súa investidura como alcaldesa da Cañiza, ambas institucións quixeron recoñecer a figura desta muller pioneira que marcou un fito na historia política de Galicia ao converterse na primeira alcaldesa elixida democraticamente na comunidade.

A homenaxe, promovida pola FEGAMP, pretende poñer en valor o papel das mulleres como impulsoras do cambio e protagonistas da vida pública, especialmente no ámbito local, lembrando a Maruja Gómez como símbolo da participación e do liderado feminino na política municipal. Como anfitrión do acto, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, abriu a xornada agradecendo a asistencia do público que encheu o salón de plenos e destacando o orgullo do municipio por contar na súa historia cunha figura tan relevante. Posteriormente tomou a palabra a vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral.

Durante as intervencións (de Barral e o Alcalde que pechou o acto) salientouse que a elección de Maruja Gómez como alcaldesa da Cañiza tivo un valor extraordinario nun contexto histórico no que a presenza das mulleres en cargos institucionais era moi excepcional. A súa chegada á alcaldía supuxo non só un feito relevante para o municipio, senón tamén un avance democrático e a incorporación dunha voz feminina a espazos de decisión pública tradicionalmente ocupados por homes.

No acto tamén se puxo de relevo o papel do municipalismo como ámbito de proximidade coa cidadanía, onde se abordan directamente as necesidades das persoas e onde o liderado de Maruja Gómez adquiriu un significado especial. Así mesmo, lembrouse que pouco despois da súa elección produciuse a ruptura do proceso democrático e unha etapa de represión que afectou a quen representaban os valores de liberdade e participación pública.

A través desta homenaxe evocouse tamén o papel de todas as mulleres que ao longo das últimas décadas asumiron responsabilidades nas alcaldías e corporacións municipais galegas, contribuíndo á transformación social e institucional dos concellos. O acto concluíu coa sinatura da vicepresidenta da FEGAMP no Libro de Honra do Concello e cunha fotografía institucional diante do retrato de Maruja Gómez, que forma parte da colección de alcaldes e alcaldesas exposta no Salón de Plenos.

Desde o Concello da Cañiza destacouuse o orgullo de que a primeira alcaldesa democrática de Galicia fose elixida neste municipio, subliñando a importancia de manter viva a súa memoria e de transmitir ás novas xeracións a necesidade de coidar e fortalecer os avances democráticos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.