“Historias no Fumeiro” presentouse na Casa do Patrón en Lalín

Un libro do escritor ourensán Avelino Jácome

Lalín | No Museo Casa do Patrón de Lalín, presentouse o libro “Historias no Fumeiro” de Avelino Jácome. O autor amósanos neste libro a visión ampla e global que ten do mundo un neno de aldea, pobre, e por enriba orfo de nai, dende a tristura e a saudade orixinada pola lacra da emigración, que tanta dor ten causado na nosa terra; pero tamén se erixe nun canto á esperanza, ao afán de superación e ao espírito de loita necesarios para “tirar do carro” e saír cara adiante de semellante situación.

Porque os nenos criados na aldea están dotados dunha prodixiosa imaxinación, dun sexto sentido e dun espírito indomable, xa que gozamos da oportunidade única de coñecer dende cativos a natureza en todo o seu esplendor a través da inusitada beleza das árbores, dos campos alfombrados de flores, dos ríos, do voo libre dos paxaros, da calor do sol, da choiva, da neve, da praia e tamén da impoñente forza do mar, do vento, da neve, da sarabia e os demais fenómenos acontecidos nos longos invernos das carballeiras galegas.

Avelino utiliza unha intencionada mestura de historias reais da súa infancia, con lendas, contos e imaxinacións produto da súa inmensa creatividade, mantendo un constante e sutil equilibrio entre a vida e a morte, o material e o espiritual, o corpo e o espírito, o mundo real e o metafísico, o plano terreal e o celestial, recordándonos o noso fugaz transo por esta vida con destino ao alén, cara onde inevitablemente todos camiñamos.

A beleza literaria do libro complétase, nunha perfecta simbiose, cunha gran cantidade de láminas do xenial mestre ourensán da pintura Miguel Ángel Martínez Coello, enchendo de vida e colorido cada unha das historias, achegándonos máis, se cabe, a súa auténtica realidade e facéndonos partícipes da mesma. Encargáronse da presentación Javier Enériz, crítico literario; Miguel A. Martínez Coello, pintor autor das láminas do libro; Rafael Quintía, antropólogo e autor do prólogo e Mª del Carmen Canda Larroy, concelleira de Sanidade de Lalín, ante a presencia de máis dun cento de veciños e amigos de Avelino e da Casa do Patrón. A obra foi financiada pola Secretaría xeral de Política Lingüística.