Habería que saír de aquí.

Volvemos onda sempre, no medio destas carreiras entre “e ti máis” cos líos de perdidos e perdedores, desleixo pola razón e a equidade ou proporcionalidade, reencontros, erosións, indignacións, traizóns que dan lugar a un espectáculo lamentable.

O certo, para chegar a un lugar de consenso e paz, é que a derrota da intelixencia é precisamente a forza, o bulo e a mentira. Empregados para desfacer e crear lodos. E mentres rifan, non gobernan. Non caemos na conta de que a ameaza, o medo, o castigo, non fan máis que acender de novo o lume da ignorancia. E impiden avanzar. Ínchalles a vea co mal xenio, enfádanse e alporízanse para dar razón da senrazón. Uns impiden que gobernen, outros enchen a boca de insultos e desprezos.

A imaxe é moi lamentable. Non hai nada que aprender! A letra non entra con sangue, os argumentos non poden ser de xostra e cinto, …esa é a derrota do entendemento, a cordura. Aínda así entendido isto entre case todos, xorden propostas que resultan provocadoras e que pensabamos caducadas. Sacan do armario aquelas barbaridades de noutrora. Veñen da man de mentes discordantes que senten nostalxia do berro, da voz alta, do imperativo, do castigo, da homofobia, da expulsión dos inmigrantes, da prohibición do aborto, das autonomías, de levantar muros, das armas, de acabar aparentemente coa violencia de xénero cambiándolle de nome, da ilegalización de todas as liberdades que nos trouxeron aquí, a este estado de cousas tan deplorable, pois consentiu este regreso, esta involución!

“Aínda habería que ver se eses grupos de dubidosa legalización entran nos parámetros constituíntes”

É un triste espectáculo, non se dan conta do moito que cobran ao mes, para non facer caixa de nada! Aínda habería que ver se eses grupos de dubidosa legalización entran nos parámetros constituíntes, pero aí están e campan anchos montados a cabalo da man de militares con ideario de desintegración de calquera orde que non sexa a deles. Por iso habería moito que estudar e sancionar. Son grupos moi violentos que seducen a incautos, con vínculos fascistas e de tan triste evocación.

Outro erro do sistema. Estamos, xa que logo, nos disparates e lonxe da realidade. Isto non é o que era. Chegaron porque xa estaban, anque caladiños. Ergueron a cabeza e aínda son ben deles. O peor é daquela xente que os sinte falar e que os cren. Pobres! Case todos sabemos quen son eses “contraditorios” que berran acendidos nas súas manifestacións, envoltos en bandeiras, en partidos extremos, de odios e rancores, desa homoxénea condición que os destaca para enfrontarse violentamente con quen non pense así.

Xa non senten a vergoña do pasado recente, no que calaron. Son aqueles machos de salón e damas de “mantilla” que nas súas falas e modos amosan unha falta de obxectividade manifesta e unha misoxinia, perversa e errada que habita aqueles conceptos do machismo doméstico, cando nega Europa e chora lembrando fascismos e ditaduras de tan penoso lastre. Teorizan inseguridades para armarse, inventan frases lapidarias que negan a fame, a proporción, o reparto, as brechas salariais, suscitan na súa propia propaganda grandes mentiras que nin eles cren.

Defenden banca e o empresariado para sentirse subvencionados, teñen o seu público que cree as fantochadas. E crean alarma social. Aproveitan o discurso da forza e buscan amigos por fóra para facerse máis grandes, entre a tolemia e a violencia.

Mentres outros soñamos con conciliar vontades, na corresponsabilidade, na igualdade, na flexibilización e entendemento, diversidade, motivación e a razón sen etiquetas de sexo, relixión, idade, raza. No respecto pola diversidade! É o momento de non calar e de sinalar a eses grupos radicalizados na afronta e corrupción. Agora é o tempo de esixir transparencia, de apostar pola esperanza nesa sociedade multicultural que nos estime e recoñeza nos dereitos, a ser quen somos.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.