Gómez-Reino: “Hoxe comeza a conta atrás para que o Pazo de Meirás volva a ser de todos os galegos e galegas”

Hoxe tivo lugar na Coruña a Audiencia Previa no proceso xudicial para recuperar o Pazo de Meirás. Antón Gómez- Reino lembrou que a auditoría dos bens expoliados polo franquismo foi unha das cuestións recollidas no acordo de goberno co PSOE

Santiago de Compostela/EnComúnPodemos |O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, valorou o comezo do proceso xudicial contra a familia Franco para a recuperación para o público do Pazo de Meirás. “É unha das cuestións clave recollidas no acordo de goberno subscrito entre a nosa formación e o PSOE, onde non só incluimos a recuperación de Meirás senón tamén a doutros bens como a Casa Cornide da Coruña, así como unha auditoría dos bens expoliados polo franquismo durante a ditadura”, sinalou Gómez Reino.

Para Galicia en Común este é un dos exemplos da impunidade do réxime franquista “que tamén vimos no proceso de reivindicación das estatuas de Abraham e Isaac impulsado por un goberno de unidade popular en Compostela”. Tal e como sinalou o deputado no Congreso, “a xustiza nese caso non foi xusta coa veciñanza de Compostela, nin en primeira instancia nin en apelación, pero esperemos que nesta ocasión falle a favor dos galegos e galegas”.

Antón Gómez-Reino amosouse convencido de que o Pazo de Meirás volverá ao patrimonio público “de onde nunca debeu marchar e poderá ser disfrutado polo seu lexítimo propietario, que é o pobo galego”. Nesa liña lembrou que “a avogacía do Estado dispón dun acta notarial de 1938 que demostraría que o Pazo de Meirás se estaba a usar como ben do Estado e que, por tanto, era inalienable cando os Franco o adquiriron”. O dictador simulara, cos herdeiros da escritora galega Emilia Pardo Bazán, un acordo cando xa non eran os verdadeiros propietarios do inmoble.