Giorgia Meloni: a Marine Le Pen italiana

Podería converterse na primeira muller en gobernar o país transalpino

Aldea Global | Italia irá a eleccións xerais o vindeiro 25 de setembro, anunciadas trala caída do goberno de Mario Draghi en xullo pasado. A ultradereitista Giorgia Meloni (Roma, 1977) é a política italiana mellor posicionada para gañar estes comicios.

Meloni preséntase ás eleccións como parte dunha coalición liderada por formacións populistas como a Liga de Matteo Salvini e Forza Italia de Silvio Berlusconi. De acordo ás últimas sondaxes, o seu partido “Irmáns de Italia” lidera a intención de voto co 24%, toda vez outras sondaxes aseguran que hai un 45% de indecisos.

De continuar esta tendencia, Meloni podería converterse na primeira muller a cargo da xefatura do Goberno.

Admiradora de Mussolini
Con todo, a líder ultradereitista ten un pasado controvertido, en particular no que respecta a as súas posicións cara o pasado fascista en Italia. Aínda que chegou a declarar que o fascismo é “historia desde hai décadas” considerándose a si mesma como vítima do “poderoso circuíto mediático da esquerda”, o diario progresista La Repubblica difundiu unha vella entrevista na que unha novísima Meloni eloxia ao ditador Benito Mussolini con estas palabras: “Como el non houbo outro nos últimos 50 anos”.

No actual contexto electoral, Meloni vese na obriga de manobrar as súas estratexias para gañar as eleccións, matizando e realizando unha operación “cosmética” que non lle prexudique nas urnas. De acordo a Mattia Diletti, profesor de Política na Universidade La Sapienza de Roma, “Meloni xoga á defensiva desde hai 30 anos. Sabe o que ten que dicir”.

“Meloni xoga á defensiva desde hai 30 anos. Sabe o que ten que dicir”

Aínda así, Diletti engade que “este esforzo por transmitir a mensaxe de que o fascismo é letra morta faise mantendo certa ambigüidade (que) evita renegar desa herdanza por completo”. Este académico asegura que no partido de Meloni “aínda hai nostálxicos” e é herdeiro do posfascista Movemento Social Italiano.

En síntese, Meloni non quere transmitir medo ao electorado, reproducindo dalgún xeito a estratexia da ultradereitista Marine Le Pen nas recentes eleccións xerais francesas. O obxectivo é presentarse como “unha opción válida” para asumir o mando de Italia, tal e como asegura o politólogo Pasquale Pasquino, profesor emérito da Universidade de Bolonia. Non obstante, outros analistas recelan das súas verdadeiras ideas e posicións políticas.

Crítica coa UE
Como Salvini pero tamén como o presidente húngaro Viktor Orbán, Meloni é unha dura crítica coa Unión Europea. En 2018 asinou unha proposta de lei para eliminar da Constitución italiana os vínculos derivados das obrigas procedentes do dereito comunitario. En diversos actos públicos, Meloni fixo gala do saúdo fascista.

A pesar disto, o seu programa electoral contempla certo compromiso comunitario cando escribi que “Italia (é) parte plena de Europa, da Alianza Atlántica e de Occidente”. Con todo, Meloni tamén pediu “unha revisión” do Pacto de Estabilidade e a gobernanza económica da UE, así como o endurecemento da política migratoria.

Rusia e os vínculos con VOX
Outro aspecto ten que ver coa posición de Meloni con respecto a Rusia, en particular tomando en conta a presenza de Salvini na súa coalición electoral. A pesar do seu mencionado compromiso atlantista e dos seus achegamentos co Partido Republicano estadounidense, Meloni sabe que Salvini mantivo unha relación moi ambigua con Rusia e, particularmente, con respecto á guerra en Ucraína. Estas discrepancias poderían aflorar se Meloni gaña as eleccións italianas.

De acordo ao politólogo e ex primeiro ministro progresista Enrico Letta actualmente a cargo do Partido Democrático (PD), “hai unha forte inxerencia de Rusia na campaña electoral italiana para favorecer á dereita” tomando en conta que “Salvini e Berlusconi son dous amigos (de Rusia)”. Letta tamén menciona as recentes declaracións de Dmitri Medvedev, ex primeiro ministro ruso, quen nunha mensaxe en Telegram pediu aos europeos “castigar nas urnas aos seus estúpidos gobernos”.

“Hai unha forte inxerencia de Rusia na campaña electoral italiana para favorecer á dereita”

Tamén causa preocupación o vínculo de Meloni con VOX e Orbán. Segundo advirte Pasquino, “o problema aí son tamén os socios europeos de Meloni. Por exemplo están Vox en España, e o primeiro ministro Víktor Orbán en Hungría”. Pasquino asegura que unha eventual vitoria electoral do bloque dereitista italiano tamén “podería reforzar aos nacionalistas europeos máis radicais”.

Con información de El Periódico de España e Euronews.