Gentopía, un videoxogo pola Igualdade da man da Deputación de Pontevedra

Foi presentado en Vigo ante 200 estudantes de Secundaria

Vigo | Máis de 200 estudantes de Secundaria tiveron hoxe a posibilidade de coñecer o proxecto Gegame, a través do cal a Deputación de Pontevedra, xunto con socios de España, Hungría, Irlanda, Turquía, Romanía e Portugal, desenvolveu o videoxogo Gentopía, unha ferramenta “que ten como obxectivo traballar a igualdade e a loita contra as violencias machistas, as agresións sexuais e o acoso”, como explicou a presidenta Carmela Silva no acto multiplicador, no que estivo acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero e as representacións europeas, que foi desenvolvido no Auditorio do Concello vigués e que serviu como peche do proxecto, financiado por Europa cos fondos Erasmus+ 2014-2020.

A presidenta da Deputación Carmela Silva fixo fincapé de que “o único modo que temos de cambiar as situacións de desigualdade é que a educación se comprometa e que sexa unha gran prioridade das competencias e contidos que se desenvolven”. E é “a enquisa máis grande que se fixo sobre violencia contra as mulleres na Unión Europea”, con 42.000 mulleres entrevistadas en 28 estados, mostrou “resultados terribles”, como que “unha de cada tres mulleres sufriu algunha forma de violencia física ou sexual desde os 15 anos, unha de cada 10 algún tipo de violencia sexual desde os 15 anos; unha de cada 20 foi violada; máis dunha de cada 5 sufriu violencia física ou sexual por parte da súa parella, ou que o 43% padeceu algún tipo de comportamento psicoloxicamente abusador ou controlador nalgunha relación”. Lembrou que o 25 de novembro é o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller e que, no que vai do 2022, “ van 38 mulleres asasinadas”

A presidenta provincial sinalou que hai que “facer un esforzo para que os rapaces e rapazas, que sodes o presente e o futuro inmediato, levedes a bandeira da igualdade, que sexades unha sociedade comprometida, que mellore este mundo –explicou-. Eu confío moito na xente nova e estou segura de que calquera tempo futuro será mellor, sodes as persoas que ides cambiar o mundo, e pídovos que o cambiedes desde a igualdade”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, resaltou o “novo valor” que ofrecen as novas tecnoloxías para incorporar cuestións “tan importantes como a igualdade”. “Está pendente a revolución da igualdade, hai que centrarse na incorporación das mulleres á sociedade ocupando o lugar que lles corresponde”, subliñou, ao tempo que animou ás rapazas “a ocupar todo o espazo, xunto cos rapaces vivindo na igualdade, xa que esta non pode ser só unha palabra, ten que ser unha actitude”, e unha das maneiras de conseguilo é, como fai Gentopía, a través das tecnoloxías.

O alcalde de Vigo lembrou que este videoxogo vai “exemplificar e mostras as enormes carencias que hai no terreo da igualdade, que ás veces están tan interiorizadas que nin nos decatamos. Temos que desprendernos das vellas culturas que consideran que a desigualdade é un hábito natural, porque non o é, é un mal nocivo e aprendido que creou a sociedade”. Por iso, animou a denunciala “intelectual e politicamente”.

Durante a presentación do videoxogo, Priscila Retamozo, coordinadora do programa Canteira de Igualdade da Deputación, impartiu a conferencia “A igualdade, un asunto no que xogamos moitos”, na que fixo un repaso por algunhas situacións e estereotipos que se dan en coñecidos videoxogos, nos que “a desigualdade pasa do mundo físico ao virtual”. Nese sentido, Gentopía é “un avance, unha maneira de que entendades de que isto non é unha guerra de xéneros, non é ‘chicos contra chicas’”, polo que retou ás e aos estudantes a “sumarse a un futuro mellor ou quedarvos quedos e no pasado”.

“Esta batalla gañarémola os que queremos camiñar cara o futuro, porque somos moitas e moitos, porque cada vez hai máis chicos que se suman ao cambio”, polo que os animou a “poñer as gafas violetas para que poidades ver con visión crítica certas cuestións, ver se esta realidade ten sentido ou se hai que cambiala, e Gentopía é a oportunidade de elixir quen queredes ser, sexades chicos e chicas”.

O videoxogo
Elaborado por un grupo de docentes, deseñadores e deseñadoras de xogos e expertas e expertos académicos en xénero, xogos formativos, deseño de xogos e estudos pedagóxicos, o videoxogo xira arredor de Mia, unha extraterrestre natural de Gentopía, unha confederación de planetas nos que existe igualdade de xénero, que chega ao planeta Terra, do que ten escoitado que é moi avanzado en violencia de xénero, para descubrir que non é así. Desta maneira, a través da historia, vai analizando o que ocorre e intentando que cambien os estereotipos e que se loite contra a desigualdade. Ao ir cumprindo obxectivos, os e as xogadoras reciben un premio e ao obter todos os que hai, a Terra poderá formar parte de Gentopía, pois será un planeta no que exista igualdade.

Amador Ordoñez, coordinador de proxectos europeos do IES Ribeira do Louro, un dos socios do proxecto Gegame, quixo trasladar a importancia de “traballar a base, a xente nova nas escolas, para cambiar a sociedade”. Así, explicou que os obxectivos deste videoxogo (que se pode descargar de maneira gratuíta en gegame.eu) e do manual que vai asociado son contribuír “a previr dese a orixe as formas de violencia, crear unha contorna na que se fomente a igualdade desde a escola e transmitir mensaxes concretas”. Por outra parte, Sonia Aldao, de Atenea Projects Lda., socio encargado do deseño dos contidos, explicou que o concepto clave para transmitir a mensaxe é “a mirada extraterrestre, que axuda a decatarnos do que está pasando estando tan inmersos neses estereotipos e prexuízos que temos hoxe en día, algo moi difícil coa carga que temos nós”. Nese sentido, o que buscaban era “probar que pasa cando alguén ve o que nós non podemos”.

Por último, Debbie Ging, investigadora do centro anti bullying da Dublin City University (Irlanda) explicou que, para poñer en marcha o proxecto, fíxose unha enquisa entre estudantes de Secundaria na que se puxo manifesto que “o caso e o abuso sexual é un problema crecente entre a xente nova”, e que sacou á luz datos como que as nenas e estudantes LGTBQ+ teñen máis posibilidades de experimentar abuso e acoso sexual e de xénero; que aproximadamente o dobre de nenas (33,3%) que de nenos (17,4%) recibiron fotos sexuais non desexadas, ou que recibir fotos espidas non desexadas, a presión para envialas e ser xulgado/a ou cualificado/a pola aparencia normalizouse case por completo. Ademais, nesta investigación as nenas informaron de que o acoso sexual era común e que se sentían inseguras nos espazos públicos e moitos estudantes expresaron descontento co contido e a maneira de transmitir a educación sexual, en Irlanda es bastante mal.