Gaza.

Moitas son as análises de fin de ano que, comentando o contexto internacional, buscan concentrar a atención mediática e política deste 2025 na figura do presidente estadounidense Donald Trump. Ninguén dubida que, na súa volta á Casa Branca cun segundo mandato, o excéntrico presidente transformou radicalmente a política internacional impoñendo caprichosamente a súa vontade, desestimando as regras e os consensos e ameazando constantemente mentres o seu incombustible ego reclamaba infantilmente o Premio Nobel da Paz.

Pero este 2025 deixa un protagonista que considero máis importante: Gaza. O martirio do pobo palestino na Franxa e Cisxordania a mans dun Estado de Israel cada vez máis impune, supremacista e inhumano, cunha sociedade enferma de retórica belicista e agresiva plasmada nas arengas dos seus esperpénticos líderes, permitiu de xeito contraproducente un revival nas simpatías para a causa palestina na conciencia dos cidadáns de a pé en todo o mundo.

Dende EEUU ata Xapón pasando por Europa, América Latina e África, foron milleiras as persoas que saíron as rúas a protestar por un xenocidio en vivo e directo, rompendo así toda serie de mitos sobre o que é Israel e a súa lexitimidade. Desta vez foi a indignación internacional a que alzou a súa voz para denunciar os crimes israelís ante a complicidade de varios líderes mundiais. A consigna foi e será visibilizar e denunciar o xenocidio de Gaza.

Obviamente, outros focos de interese mediático neste 2025 podemos enfocalos nunha Ucraína que se encamiña á paz dos poderosos; a breve guerra entre Israel e Irán que moi probablemente volverá a reactivarse; a inesperada confrontación 2.0 entre EEUU e Venezuela; o inédito ardor belicista de Europa contra Rusia que anuncia o final da UE, ou cando menos da súa idea orixinal; unha China cada vez máis potente e segura de si mesma; a consolidación do poder dunha nova oligarquía tecnocrática que domina o mundo; e a Intelixencia Artificial como preludio do mundo do mañá, entre outros.

“Gaza sacudiu as conciencias e puxo ante o espello as miserias dos líderes que nos gobernan”

Pero foi a incesante matanza en Gaza, cos seus mais de 70.000 mortos, deles mais de 20.000 nenos e nenas, e a resistencia dun pobo, o palestino, que se nega a ser exterminado, o verdadeiro protagonista da historia deste ano que finaliza. Gaza sacudiu as conciencias e puxo ante o espello as miserias dos líderes que nos gobernan. E demostrou que a solidariedade e a fortaleza dun pobo están por riba dos máis espúreos intereses xeopolíticos e empresariais.

Dicía a primeira ministra italiana Giorgia Meloni que o 2026 “será peor”. Vendo o sucedido neste 2025, compre observar que o mundo transita, como se de sonámbulos se tratase, cara unha colisión aparentemente inevitable. E non esquezamos que, segundo a ONU, hai 59 conflitos armados aínda activos a nivel mundial, o maior índice desde a II Guerra Mundial. En todo caso, Feliz 2026.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.