Gastronomía e música para celebrar o Día do Mercado en Tui

Este 31 de maio no Mercado de San Antonio

Tui | Tui celebra o “Día do Mercado” cunha xornada gastronómica, musical e festiva no renovado mercado de San Antonio. A cita será este sábado, 31 de maio. Deste xeito o Mercado Municipal de Tui únese á celebración do Día do Mercado, unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia para poñer en valor o comercio de proximidade, os produtos de calidade e a vitalidade dos mercados locais.

O Concello de Tui participa activamente nesta xornada, reafirmando a súa aposta polos produtos frescos e polo mercado como espazo clave da vida social e económica da cidade, especialmente tras o proceso de renovación acometido para converter este espazo nun lugar de dinamismo social e referente de produtos de calidade e de proximidade. Ao longo de todo o día, o Mercado Municipal acollerá unha programación pensada para todos os públicos, na que a gastronomía, a música e a promoción do produto local serán protagonistas.

A actividade comezará ás 9.30 h co reparto de material promocional da campaña “Quere o teu mercado”. Ás 12 h haberá unha degustación gastronómica con elaboracións feitas con produtos frescos do propio mercado a cargo de Andrés Sancha Gómez e Ana Digón Elsden de “Cocina regenerativa”.

Ás 13 h comezará unha sesión vermú con DJ e especial coctelería. Ao longo de todo o día estará dispoñible un menú especial degustación “Día do Mercado” na zona gastronómica no que se poderá degustar Pescadiño frito da lonxa, acompañado de alioli de lima e limón; Bocadiño de luras con salsa sweet chili; e Vermut galego de godello “A Fabulosa”. Ademais, o Espazo Gastronómico realizará unha sesión especial de cócteles na que ofertará gintonic, vermúxito, caipirinha e mojito.

O Concello de Tui convida á veciñanza e visitantes a achegarse ao mercado municipal para gozar dunha xornada de celebración arredor do produto local e da economía sostible. Esta iniciativa busca fortalecer a relación entre produtores, praceiros e consumidores, e consolidar o mercado como un punto de encontro moderno, dinámico e de calidade.

Programación destacada:
09.30 h | Inicio da xornada e reparto de produtos promocionais da campaña Quere o teu Mercado.

12.00 h | Degustación gastronómica con elaboracións feitas con produtos frescos do propio mercado.

13.00 h | Sesión vermú con DJ e especial coctelería.

Durante todo o día | Menú especial “Día do Mercado” na zona gastronómica, composto por: Pescadiño frito da lonxa, acompañado de alioli de lima e limón; Bocadiño de luras con salsa sweet chili; e Vermut galego de godello “A Fabulosa”. Sesión especial de cócteles no Espazo Gastronómico na que ofertará gintonic, vermúxito, caipirinha e mojito.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.