O galego perde falantes ano tras ano co beneplácito da Xunta do PP e do Estado profundo. Para a galería quedan xestos vacuos que non se concretan en avances concretos. O Estado profundo é lingüicida e a Xunta do PP tamén. E, por suposto, os poderes económicos e empresariais. Facer cartos é a prioridade, non manter viva a Galiza. España estanos asfixiando, afogando o noso feito diferencial, que tanto amolou e amola á ultradereita e á dereita estrema españolistas.
“O Estado profundo é lingüicida e a Xunta do PP tamén”
Podería apelar á conciencia dos bos españois e españolas; porén sei que son minoría e o seu afecto probabelmente morno e inconstante; por iso apelo á conciencia dos compatriotas que lean isto: na medida das vosas posibilidades dade pasos a prol da defensa e coñecemento do noso idioma e cultura. Implicádevos tamén na defensa do noso patrimonio natural e histórico-arqueolóxico.

O BNG é unha alternativa política críbel e prometedora para procurarmos un cambio de rumbo non só nos aspectos económicos fundamentais. Aínda estamos a tempo. Impliquémonos na medida das nosas posibilidades, mantendo un equilibrio entre idealismo e pragmatismo. O marco xurídico estatal do 78 é coma unha camisa de forza para Galiza. Sabémolo ben e nin tan sequera se cumplen moitos daqueles aspectos positivos ou dereitos que nel se recollen. Como o deber de que os poderes públicos galegos defendan o noso idioma e cultura galegas, que se recolle no vixente Estatuto de Autonomía. E tamén arruínan o país economicamente, vendéndoo ás compañías que explotan os seus recursos deteriorando gravemente a nosa natureza, sen deixarnos practicamente nada a cambio. Urxe un cambio de rumbo. Leamos a Castelao e actualicémolo… Este é o seu ano e é un bo momento para facelo.





