“Galicia xa é un actor moi relevante en investigación mariña”

Carmen González Sotelo | Delegada Institucional do CSIC en Galicia

Carmen González Sotelo (Caracas, Venezuela, 1961) é licenciada pola Universidade de Navarra (1984) e Doutora en Bioloxía pola USC (1991) Forma parte da CSIC desde 1998, é autora de máis de 100 artigos de investigación en publicacións incluídas na base de datos Science Citation Index (SCI) así como de tres patentes para a identificación de especies en conservas de productos mariños.

Desde o 17 de xaneiro é a delegada institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia. Cales son as súas funcións?
As miñas funcións pasan pola coordinación e representación do CSIC ante outros axentes de I+D+i; a dirección e xestión e o apoio á actividade de investigación, transferencia, formación, difusión e promoción da cultura científica. As Delegacións Institucionais do CSIC son as estruturas organizativas encargadas da representación institucional do CSIC e a coordinación dos seus institutos de investigación nun ámbito territorial determinado.

En Galicia, o CSIC está presente a través de institutos de investigación como a Misión Biolóxica de Galicia (MBG), Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, mixto coa Xunta de Galicia), Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e Centros Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Vigo e A Coruña. Ademais, en Vigo está a Sede Atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) e participamos no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Que prioridades ten para esta nova etapa?
A miña prioridade xeral é poder contribuír ao diálogo coas institucións galegas para que o CSIC continúe incrementando a súa presenza e visibilidade en Galicia e tecendo colaboracións e sinerxias con axentes do sistema de I+D+i galego.

Tamén dar continuidade e impulso a proxectos concretos en marcha, como a Casa da Ciencia do CSIC en Galicia; o traslado do IIM e a sede Atlántica da UTM aos terreos que ocupaba a antiga Escola de Transmisión e Electrónica da Armada (ETEA); a construción do novo buque oceanográfico do IEO, o Odón de Buen; ou a renovación do convenio do IEGPS, entre outros temas que están nestes momentos encima da mesa.

“A investigación mariña que se realiza en Galicia permitiu situarnos nun lugar de referencia a escala global”

A súa especialidade académica enfócase na pesca, acuicultura e o sector marítimo. Como observa o estado das investigacións sobre estes sectores en Galicia?
Creo que a investigación mariña que se realiza en Galicia desde as distintas institucións permitiu situarnos nun lugar de referencia a escala global. No caso concreto do CSIC, temos tres institutos de investigación relacionados con esta temática (IIM en Vigo e Centros Oceanográficos do IEO en Vigo en Coruña) e a Sede Atlántica da UTM, tamén en Vigo.

A nosa contribución contempla todos os aspectos do obxecto de estudo: oceanografía física, química e biolóxica, cambio climático, os ciclos biogeoquímicos das nosas costas e a súa relación coa produtividade das nosas rías, a bioloxía e a ecoloxía de especies mariñas; o coñecemento da dinámica de poboacións explotadas (recursos pesqueiros); a mellora da xestión dos recursos utilizando novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial e a ciencia de datos; estratexias de economía circular e acuicultura, entre outras. Por último, considero que contar coa Sede Atlántica da UTM situou a Vigo á cabeza da construción de buques de investigación pesqueira e oceanográfica no mundo, sendo os nosos buques instrumentos da investigación mariña que leva a cabo, unha parte fundamental para o avance na investigación mariña.

Considera que Galicia pode converterse en líder mundial en canto á investigación marítima?
Considero que Galicia xa é neste momento un actor moi relevante en investigación mariña, como o constata a existencia dun gran número de grupos de investigación galegos que participan tanto en programas de investigación tanto nacionais como financiados pola Unión Europea. A iso hai que sumar a presenza en Galicia dun importante sector relacionado coa construción naval, a pesca e acuicultura, e a industria de transformación de produtos da pesca, así como un sector turístico moi potente relacionado co mar e a gastronomía. A interrelación entre todos eles debe ser potenciada para converter a Galicia nun polo de investigación e innovación. Creo que se iso ocorre, a presenza de Galicia como líder mundial no sector mariño será unha realidade pronto.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.