Galicia reivindica o seu papel como referente mundial contra a pesca ilegal

O conselleiro do Mar participou no III Curso sobre o Acordo de Medidas portuarias

Santiago de Compostela | Durante a súa participación na inauguración do III Curso de fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto, o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, salientou que a comunidade contribúe a formar inspectores de todo o mundo co obxectivo de frear as prácticas irregulares no sector pesqueiro.

Villares defendeu o labor exemplar que realizan os profesionais do mar e dos portos galegos e cualificou de totalmente inxusto que, de forma arbitraria, se poña en dúbida a boa reputación que gañaron tras décadas de moito esforzo. Reivindicou así mesmo o papel de Galicia como referente europeo e internacional na loita contra a pesca ilegal.

A Xunta lembra que a frota galega é consciente de que as actuacións ilícitas poñen en risco o futuro desta actividade polo que faena sempre de xeito sostible, responsable e respectuoso cos recursos mariños

O conselleiro agradeceu ao alumnado do curso a súa contribución a estender a outros países do mundo as boas prácticas que promove Galicia neste eido

A segunda autonomía en pagar máis rápido as súas facturas
Galicia pechou o primeiro semestre do ano como a segunda comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas, só por detrás de Estremadura, segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda y Función Pública.

Así, o período medio de pago rexistrado por Galicia foi de 11,49 días, dez días inferior ao da media de comunidades autónomas, que foi de 21,73. Ademais, tamén se situou 18 días por debaixo do límite de 30 que establece a normativa estatal.

En canto á débeda comercial, a ratio débeda/PIB de Galicia situouse ao peche do primeiro semestre no 0,12%, por debaixo da media autonómica, que foi do 0,30%. A débeda comercial do conxunto de comunidades era de 4.207 millóns de euros, dos que 86,7 millóns – o 2,06%- corresponden a Galicia.

Os datos publicados hoxe volven ratificar que a Comunidade Autónoma está entre as que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

Aumentan as prazas en formación agraria
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe no acto de apertura do curso académico 2023–2024 do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Guísamo. Na súa intervención, o director destacou o continuo aumento das prazas ofertadas nos centros de formación e experimentación agraria.

Neste senso, José Luis Cabarcos sinalou que no presente curso 2023-2024 ofertáronse un total de 328 prazas no que atinxe á formación regrada, o que representa unha suba de preto do 9% en relación co curso anterior e de ata un 17,4% respecto ao curso 2021-2022. Así mesmo, o director puxo de manifesto o alto grao de cualificación que obtén o persoal formado nos diferentes centros dependentes da Agacal, que o fai especialmente atractivo para a súa inserción no mercado laboral.

Cabarcos tamén puxo de relevo a importancia desa man de obra cualificada para a mellora tanto dos rendementos das producións como da conservación do medio ambiente, sen renunciar á calidade do produto. Unha premisa que recollen os novos instrumentos lexislativos da Xunta, como a Lei de recuperación da terra agraria ou a futura Lei da calidade alimentaria, ademais das diferentes estratexias sectoriais levadas a cabo por parte da consellería do Medio Rural.

Por último, o director indicou que os centros de formación da consellería están en constante actualización a través dos cursos de formación continua e das actividades de transferencia, contando ademais cuns medios, instalacións e equipamentos salientables. Tamén destaca a implicación , profesionalidade e especialización técnica do seu persoal docente, o que permite acadar unha formación integral dos alumnos de gran calidade para o desenvolvemento da súa vida profesional e persoal, asegurou Cabarcos.

Impulso ao hidróxeno renovable
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na sinatura do convenio entre o proxecto Julio Verne do Porto de Vigo e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes)

Estas entidades cooperarán en eidos como a I+D+i, a formación e a divulgación, en liña co que promove a Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde. O obxectivo é desenvolver na Comunidade todos os segmentos da cadea de valor deste vector enerxético: produción, almacenamento, transporte e distribución.