Galicia participa en Braga no II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Autoridades locais de Galicia e de cinco países de lingua oficial portuguesa intercambiaron boas prácticas arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que se celebrou en Braga.

Pontevedra | Autoridades locais de Galicia e de cinco países de lingua oficial portuguesa intercambiaron boas prácticas arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que se celebrou en Braga baixo o epígrafe a ‘A localización dos ODS tras a Covid-19: unha mirada desde o xénero’ os días 25 e 26 de novembro.

“Participantes de Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Príncipe e Portugal compartiron desafíos e estratexias neste encontro”

Participantes de Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Príncipe e Portugal compartiron desafíos e estratexias neste encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA).

O evento, que puido seguirse online, deu comezo no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha mesa inaugural na que o presidente do Fondo Galego, Juan González, lembrou que o primeiro foro, celebrado en 2019 en Santiago de Compostela, culminou coa creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, “un espazo de participación igualitaria no que procuramos solucións a retos compartidos, onde todas as partes aprendemos e nos fortalecemos”.

Unha actuación conxunta que defendeu, así mesmo, o subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago, quen indicou que “a Xunta promove a colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal e máis alá, pois os países africanos de lingua portuguesa son prioritarios para a cooperación galega”.

Tamén o secretario xeral da UCCLA, Vitor Ramalho, chamou a “xuntar forzas para combater o agravamento da discriminación e as desigualdades que trouxo a pandemia”, mentres que a concelleira de Educación e Cohesión Social de Braga, Carla Sepúlveda, destacou como “a crise xerada polo coronavirus puxo de manifesto interdependencias, fraxilidades e prioridades sobre as que debemos reflexionar de xeito crítico”.

Sobre as consecuencias da Covid-19 nas comunidades locais falou asemade Herménio Fernándes, presidente da Asociación Nacional dos Municipios de Cabo Verde (ANMCV), quen apuntou como “os esforzos do arquipélago para acadar o desenvolvemento sustentable se viron ameazados”, pero destacou ao mesmo tempo a “capacidade de resiliencia” do seu pobo.

Os retos do municipalismo perante o cambio climático centraron o seguinte debate, no que a alcaldesa da vila mozambicana de Boane, Mariana Cupane, puxo de relevo como “os eventos climáticos extremos afectan en primeiro termo ás mulleres e raparigas, que ademais son responsables da familia, polo que deben buscar solucións como ir á procura de auga”, pese a estaren “excluídas dos círculos de poder e da toma de decisións que lles afectan”.

Este enfoque de xénero aplicouno tamén a secretaria rexional do Ambiente do Goberno do Príncipe, Ana Alice da Mata, quen sinalou que a erosión provocada pola subida do nivel do mar reduce a dimensión das illas e fai desaparecer os areais, “afectando non só ás comunidades pesqueiras senón especialmente ás mulleres que viven da salga”.

O vicepresidente da ANMCV, Júlio Lópes, incidiu en que “as mudanzas climáticas teñen un grande impacto nas illas, de aí que os poderes públicos, municipais e estatais, deban adoptar medidas para combatelo e fomentar a capacidade de adaptación”, cumprindo así co ODS 13.

No mesmo senso, o concelleiro de Medio Ambiente de Moaña, Odilo Barreiro, concluíu que “as políticas de loita contra o cambio climático deben ser transversais en todas as áreas de goberno, desde o urbanismo ata as actividades culturais” e chamou a “unha cooperación lusófona contra a emerxencia climática”.

A segunda xornada do II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía arrincou cunha sesión sobre ruralismo e ODS, na que a concelleira de Igualdade de Cabanas, Paula González, expuxo como “a Axenda 2030 impulsa aos concellos rurais a traballar desde unha perspectiva universal e inclusiva, co obxectivo de que ninguén quede atrás”, particularmente tendo en conta o envellecemento e dispersión da poboación feminina na nosa contorna, para o que é preciso descentralizar as actividades.

Tamén o gobernador interino de Cacheu (Guinea-Bissau), Fernando Eduardo Pires, fixo fincapé en que a distancia a determinados servizos como os hospitais prexudica nomeadamente as mulleres, embarazadas e nais por exemplo, e en como “a medida que se ascende nos ciclos educativos, a porcentaxe de raparigas decrece porque se lles prohibe desprazarse lonxe da familia”.

Pola súa banda, o presidente da Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento (Portugal), Paulo Ramalho, subliñou que “a pandemia trouxo unha nova querencia polo auténtico” e que “resulta de vital importancia ter boas condicións de vida non só nas cidades, senón tamén no rural, para fixar a poboación”.

“A pandemia trouxo unha nova querencia polo auténtico”

A derradeira mesa do encontro centrouse precisamente na igualdade de xénero e no empoderamento de mulleres e nenas e estivo moderada pola concelleira de Igualdade de Pontedeume, Raquel Caruncho.

A presidenta do Consello Rexional da Xuventude de Cacheu, Deusa da Silva, deu inicio aos relatorios explicando que a equidade de xénero está recoñecida na lexislación de Guinea-Bissau, pero “para a maioría das etnias as mulleres non teñen dereito á propiedade da terra nin á herdanza e están en desvantaxe no divorcio e no reparto de bens entre a parella”, polo que chamou a unha alianza internacional a prol do ODS 5.

Herménio Fernándes, presidente da Asociación Nacional dos Municipios de Cabo Verde (ANMCV), durante a súa intervención.

Pola súa banda, a concelleira de Santa Cruz, Jamira Duarte, expresou que “en Cabo Verde a pobreza ten rostro feminino” e introduciu o concepto de “pobreza de tempo”, indicando que “os homes dedican 38 horas semanais ao traballo non remunerado e as mulleres case 63 horas, o que dificulta o seu acceso ao traballo formal, á formación e á autonomía económica”, eivas ás que están intentando poñer solución desde o concello.

A continuación, Rogerio Albino, edil do municipio mozambicano de Mandlakaze, apostou por “intensificar a participación das mulleres nos cargos decisorios” para o cal “é preciso vencer barreiras como o analfabetismo, tabús culturais, dificultades económicas, etc.”

Para rematar, a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, explicou como a institución provincial está a traballar cunha “cultura igualitaria”, tamén cara o interno, e glosou as diferentes iniciativas impulsadas a prol da igualdade e contra a violencia machista.

Alén dos relatorios, o programa do II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía incorporou dúas presentacións. Unha sobre ‘Educación para o desenvolvemento nunha lóxica paticipativa’ a cargo de Princesa Peixoto, directora da Área Social da UCCLA, e outra sobre o proxecto ‘Rumo a 2030’, exposto por Mónica Silva, técnica do Instituto Marquês de Valle Flôr.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.