
Santiago de Compostela | Alfonso Rueda, presidente da Xunta, destacou o papel do sector vitivinícola á hora de fixar poboación e dinamizar a economía no rural, atraer novos turistas á Comunidade e exercer como embaixador do que significa Galicia Calidade. Por iso, anunciou que o Executivo autonómico reforza o seu apoio a este eido con máis de 12 millóns de euros reservados nos orzamentos de 2026.
Durante a súa intervención no acto de entrega dos Premios Catas de Galicia 2025, no que estivo acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, Rueda lembrou que Galicia conta con máis de 10.000 viticultores e 443 adegas así coma cinco denominacións de orixe e outras cinco indicacións xeográficas protexidas que elaboran produtos de gran calidade que levan o nome da comunidade por todo o mundo.
“A Galicia Calidade da que queremos presumir atopa moitas expresións e unha delas son os viños, augardentes e licores, que amosan o que somos e onde queremos ir”, indicou Rueda, quen resaltou que esta industria, ao igual que Galicia, “combina tradición e modernidade”. “Un sector que non perde a esencia e que mira cara adiante, cara ese consumidor cada vez máis esixente, que pide cousas ben feitas e ben elaboradas”, sinalou.
A Xunta leva anos apoiando ao sector para facer fronte aos retos do presente e do futuro e para avanzar cara unhas explotacións máis modernas, competitivas e sostibles. Nesta liña, Rueda resaltou que os orzamentos do vindeiro ano contemplan novas edicións de axudas para a reconversión de viñedos, adaptar as vides aos efectos do cambio climático e mellorar a súa sustentabilidade; promocionar os viños e licores galegos en mercados de terceiros países ou achegas para contribuír nos gastos da elaboración de comercialización dos produtos, entre outros apoios ao sector.
O Goberno galego tamén traballa a prol da promoción dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada. Por iso, o vindeiro ano amplíanse os apoios nesta materia a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, que incrementa o seu orzamento no vindeiro 2026 ata os 10 millóns de euros.
Ademais, a Xunta tamén intenta dar resposta ás necesidades puntuais do sector ante problemáticas concretas como ocorreu cos viñedos e as adegas afectadas pola vaga de lumes forestais do pasado verán. No paquete de axudas que o Executivo autonómico lanzou de xeito inmediato xa a finais a de agosto, recollíanse achegas de ata 12.700 € por hectárea afectada no caso dos viticultores.
Rueda salientou o excelente nivel dos viños, licores e augardentes galegos e asegurou que estes premios son unha boa mostra do traballo que se realiza ao longo de todo o ano. Nesta liña, lembrou que a edición de 2025 bateu récord ao rexistrar 500 mostras -cen máis que o ano anterior- de 176 empresas galegas. Na foto o representante da Adega Eduardo Peña, do Ribeiro, gañador do Ocio de Ouro 2025 en viño blanco.




