
Pontevedra | O II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ reunirá os días 12 e 13 de marzo a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia co fin de fomentar a participación efectiva das mulleres no poder local e impulsar políticas municipais con perspectiva de xénero. Unha ducia de concellos galegos estarán representados nas xornadas que se celebrarán na cidade de Praia baixo o lema ‘Electas no local, unha voz global’, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV).
Coincidindo cos actos conmemorativos do Día Internacional das Mulleres, as alcaldesas de Cangas, Muros, Oímbra, Ponteareas, Salceda de Caselas e Burela -tamén presidenta da Deputación de Lugo-, xunto con oito concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, Santiago de Compostela e San Sadurniño, participarán no evento, financiado pola Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.
A incorporación das mulleres á política local resulta clave para promover a igualdade de xénero de xeito tanto específico como transversal. No entanto, os datos revelan un baixo grao de representación feminina en todos os ámbitos de decisión, tamén no eido municipal. Cómpre, por tanto, contribuír ao cumprimento da meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a “asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”.
Deste xeito, o programa de ‘As Elixidas’. II Encontro Internacional de Mulleres Electas Locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia non só contará con destacadas representantes municipais dos tres países, senón tamén con membros dos gobernos caboverdiano, español e galego e con persoas expertas de Nacións Unidas, do Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero ou da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no marco das xornadas, presentarase a Rede de Mulleres Autarcas Caboverdianas, inspirada no exemplo mozambicano que puideron coñecer na primeira edición do evento celebrada na Coruña en 2024.
Mesas de debate
Tras a constitución da devandita rede na mañá do xoves 12 de marzo, arroupada polas representantes municipais de Galicia, terá lugar a apertura formal do II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ por parte das autoridades, entre as que se citan o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. A continuación desenvolverase a conferencia inaugural ‘As mulleres no poder’, a cargo da Ministra de Xustiza de Cabo Verde, Joana Rosa.
O primeiro panel, ‘Mulleres na política local: barreiras, oportunidades e leccións aprendidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, contará coa intervención de Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, e centrarase en identificar os principais obstáculos que dificultan o acceso e a permanencia das mulleres aos cargos municipais, a partir da experiencia propia, así como os factores que favorecen esta incorporación e as estratexias de sororidade que se poden adoptar.
O venres día 13, os traballos darán comezo coa mesa ‘Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, na que intervirá a alcaldesa de Burela e presidenta provincial de Lugo, Carmela López. Esta sesión busca visibilizar e analizar políticas públicas que teñan xerado impactos positivos na igualdade de xénero a nivel local, así como explorar mecanismos institucionais que permitan transversalizar este enfoque.
A continuación, terá lugar o obradoiro ‘Elaboración de políticas locais e orzamentos municipais sensibles ao xénero’, que ofrecerá ferramentas prácticas para identificar desigualdades estruturais, abordar as necesidades de mulleres e nenas e garantir unha asignación equitativa dos recursos, achegando exemplos reais. Entre as dinamizadoras deste workshop atópase Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC.
A axenda pecharase o venres pola tarde, coa sesión de conclusións a cargo da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) e coa lectura e sinatura dunha declaración final por parte de todas as electas locais presentes, tras a que se celebrará a clausura oficial do evento. Cómpre apuntar que o II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ poderá seguirse en streaming e nas redes sociais das entidades organizadoras co hashtag #AsEleitas.
Delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
• Juan González, presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán.
• Patricia Diego, concelleira de Nigrán.
• Bibiana Peixoto, concelleira de Nigrán.
• Carmela López, alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo.
• Patricia Eijo, concelleira de Burela.
• Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas.
• María Lago, alcaldesa de Muros.
• Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra.
• Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas.
• Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda de Caselas.
• Uxía García, concelleira de Ames.
• Inés Ramos, concelleira de Arteixo.
• Noelia Freijeiro, concelleira de Malpica de Bergantiños.
• María Muíño, secretaria do Fondo Galego e concelleira de San Sadurniño.
• María Rozas, vogal do Fondo Galego e concelleira de Santiago de Compostela.




