Gales e Galicia estreitan lazos educativos en Ponteareas

O IES Val do Tea recibiu a alumnado do Ysgol Cwm Brombil de Port Talbot

Ponteareas | A choiva non foi capaz de escurecer a calorosa benvida que o alumnado do IES Val do Tea tiña dentro do seu corazón para recibir ás vinte alumnas e alumnos do Ysgol Cwm Brombil de Port Talbot, Gales.

Nin o mal tempo nin o Bréxit foron quen de frear as gañas de experiencias vitais do profesorado e do alumnado de ámbolos dous centros que, apostando por un ensino vivencial, participa no TAITH, un programa do goberno de Gales para potenciar a mobilidade de estudantes e crear oportunidades de aprendizaxe con diferentes centros educativos do mundo.

O TAITH, palabra que en galés significa viaxe, promove un intercambio internacional proporciónandolle ao alumnado a oportunidade de viaxar ao estranxeiro, participar en diferentes actividades que lles permitan compartir experiencias de aprendizaxe, experimentar culturas diferentes e desenvolver novas destrezas e aptitudes.

Felices coa boa acollida e de ter sido recibidos con ilusión e entusiasmo, vinte alumnos de Gales e o alumnado de 3º e 4º de PDC (programa de diversificación curricular) convivirán durante cinco días permitíndolles, segundo indica o alumnado galés “aprender de culturas diferentes e metodoloxías de estudo e aprendizaxe distintas; coñecer o xeito de ser das galegas e galegos ou sorprenderse coas similutudes entre Gales e Galicia”.

Aseguran que os nervios iniciais de entender outro idioma deron paso á espertar a súa curiosidade e á necesidade de facerse entender conseguindo atopar intereses de mocidade en común. Sorprendidos pola diferenza nas edificacións e na configuración das nosas vilas e cidades, nestes días, foron descubrindo fermosos lugares en Santiago de Compostela, no Castro de Baroña, en Pontevedra e na vila do Corpus.

“Celticity and language from Port Talbot to Galicia” permitirá introducir as respectivas linguas, cultura e tradicións, analizando as diferenzas e semellanzas, estudando a conexión entre ambas linguas e culturas: galés e galego, xa que durante todo o curso se realizarán actividades que se comparten e analizan grazas ás conexións online. Un ensino baseado en métodos transversais de aprendizaxe polo que o IES Val do Tea de Ponteareas aposta dende hai anos.

A profesora coordinadora do proxecto e xefa de estudos do Val do Tea, Isabel Calvelo; a vicedirectora, Ana Bastos e o profesorado die PDC coinciden cos seus homólogos galeses, Rachel Stead e Jack Davies, no moito que teñen aprendido nestes días, nas novas ilusións que esperta no alumnado e na grande motivación que consegue en todos eles e elas.

Como agasallo levarán para as terras de Gales “a bunch os kindly friends” ou o que en galego sería “unha chea de bos amigos” cos que seguir aprendendo e medrando. O reencontro será en primavera cando o alumnado do centro ponteareán aterre na cidade portuaria do sur de Gales, Port Talbot.