Gales 7-M: a Nación fronte ao abismo extremista.

Cadernos da viaxe.

Na vindeira quinta, 7-M, a nación galesa non só celebra unhas eleccións ao seu Parlamento (Senedd), senón que se vai someter a un test existencial nun contexto de mutación institucional sen precedentes. Estas eleccións son as primeiras que se rexen pola reforma da Senedd Cymru Act, un movemento de profundización democrática que eleva o número de escanos de 60 a 96 (si, alí pensan que máis representación dedicada full time ao control da gobernanza e á translación das demandas cidadás beneficia á democracia e á economía do país) e que instaura un sistema de representación proporcional a medio do método D’Hondt en cadansúas 16 circunscricións que elixen cadanseus 6 representantes en candidaturas pechadas que han alternar de xeito obrigado homes e mulleres.

No taboleiro político concorren forzas en plena redefinición. O Welsh Labour, sucursal do laborismo que exerceu unha hexemonía case orgánica dende 1999, ano no que comezou funcionar o autogoberno obxecto da devolution ratificada en referéndum, preséntase hoxe como unha estrutura esgotada, minguada por unha xestión errática e polo colapso dos servizos públicos. Pola súa banda, a filial galesa dos conservadores tories asisten á súa propia irrelevancia, devorados por unha criatura que eles mesmos alimentaron: o Reform Wales, sucursal antigalesa dos extremistas do Reform UK de Nigel Farage. Nesta conxuntura, o soberanista Plaid Cymru de Rhun ap Iorwerth álzase como a única muralla de racionalidade nacional e cidadá fronte á pulsión nihilista e filofascista que ameaza as institucións de Caerdydd (Cardiff).

“No taboleiro político concorren forzas en plena redefinición”

O perigo que encarna o programa do Reform UK non debe ser menosprezado. Baixo a falsa chamada á “liberdade” e o a súa aparente preocupación a respecto da suba do custo da vida, agóchase unha axenda de desmontaxe do autogoberno, dos servizos públicos e da sanidade pública (National Health Service-NHS-) e un populismo xenófobo que busca converter o malestar social nunha cruzada non só contra a inmigración, senón mesmo contra a diferenza, contra a alteridade. O seu discurso, ateigado de tics parafascistas, propón unha recentralización agresiva a prol de Londres e a criminalización da inmigración como única resposta a unha crise que é, en realidade, de modelo económico. É a dereita radical que causou o fracaso do brexit e que agora quere que Gales renuncie á súa propia existencia política para se disolver nunha Gran Bretaña uniformante e regresiva.

As enquisas desta derradeira quincena de abril confirman un cambio de paradigma sísmico. Estamos ante un empate técnico de infarto: as sondaxes de YouGov e Ipsos sitúan ao Plaid Cymru e ao Reform UK case empatados,unha pinza por riba do 28% en cadansúa intención de voto (até hai dúas semanas os nacionalistas mantiñan unha vantaxe de tres a cinco puntos), mentres o laborismo caen da súa tradicional maioría relativa ao 13-15% e os conservadores andan a lamber un curto 10%. Esta fragmentación extrema, onde o 52% dos votantes disque se atopan aínda indecisos, debulla un Senedd onde a gobernabilidade será un exercicio de alta precisión. O ascenso do Reform UK é o síntoma dunha sociedade ferida, pero a resiliencia de Plaid Cymru é a proba de que soberanismo democrático é o mellor antídoto contra o medo e contra o extremismo parafascista.

“O Plaid Cymru é o único actor capaz de frear o avance desta dereita radical”

Neste escenario, o Plaid Cymru é o único actor capaz de frear o avance desta dereita radical. Fronte á xenofobia de Reform UK, o nacionalismo democrático galés propón unha soberanía inclusiva e transformadora; fronte ao parafascismo centralista que quere pechar fronteiras e mentes ofrecen un Gales atlántico e europeo. Rhun ap Iorwerth non só loita por un feixe de escanos; loita por demostrar que a identidade galesa é un proxecto de futuro e non un refuxio de nostalxias imperiais.

Os 96 postos do Senned requiren 49 para gobernar, polo que semella que o vindeiro first minister será o propio Rhun ap Ionwerth, quizais en coalición cos verdes galeses-en clara suba- e con algunha caste de apoio do laborismo minguante. Velaí que sexa probábel que o 7-M Gales pare o populismo extremista do Reform UK confiando na única forza que entende que a nación se basea nomeadamente na protección xurídica, cultural, social e económica da súa cidadanía, da súa veciñanza.

A sorte da vella Cambria é, hoxe máis ca nunca, unha referencia próxima e de grande interese para a vella Gallaecia, con quen partilla tantas similitudes canto á poboación, alicerces culturais celtas e territorio, canda unha historia común de afirmación nacional fronte ao supremacismo centralista das nacións veciñas.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.