Gala dos Ponteareáns Distinguidos do Ano

Será o 29 de setembro no marco da Gala de Premios Menina Sarmiento

Ponteareas | As Festas de Setembro deste ano serán testemuña dun fito histórico co nacemento dos premios “Ponteareá/án distinguida/o”, así o comunica a alcaldesa Nava Castro ao tempo que explica que se trata dunha mención honorífica especial que recoñecerá publicamente á persoas, entidades ou colectivos de Ponteareas que, ao longo dos anos, destacasen pola súa traxectoria, méritos ou contribución ao desenvolvemento social, cultural, educativo, deportivo ou económico do municipio, así como polo seu labor solidario e pola proxección de Ponteareas no exterior.

O premio “Ponteareán distinguido/a” nace coa vocación de distinguir e de devolver o cariño que persoas e colectivos dedicaron a Ponteareas. Na gala que terá lugar o vindeiro 29 de setembro entregarase este galardón nas categorías de cultura, educación, empresa e innovación, compromiso social, deportes, nova promesa (menores de 25 anos), embaixada de Ponteareas, emigración/aveciñamento e honra (a título póstumo ou por traxectoria vital exemplar).

Unha gala que rende homenaxe á historia
As distincións terán que ser aprobadas polo Pleno da Corporación (este mes convocarase un pleno extraordinario) para logo ser entregadas nun acto solemne que levará o nome de “Gala de Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns Distinguidos/as do ano”.

“Non só agradeceremos o traballo e aprecio destas persoas pola nosa vila, tamén poremos en valor unha figura histórica nada no convento de Canedo e que relaciona a Ponteareas cun dos cadros máis importantes da historia da arte, Las Meninas”, continua a alcaldesa. O nome Menina Sarmiento honra a figura histórica de María Agustina Sarmiento de Sotomayor retratada por Diego de Velázquez. Este premio fortalecerá á cohesión social e o coñecemento das persoas que aportaron podendo ser un exemplo e motivación para outras persoas.

Proceso participativo
Para a creación desta mención honorífica especial o goberno buscou o consenso e aportacións dos grupos da Corporación trasladándolle, o pasado 20 de agosto, á Xunta de Voceiras/os a súa proposta.

Cada concelleira/o ou grupo municipal poderá propor á alcaldesa de maneira xustificada no prazo de 10 días hábiles e previa consulta aos colectivos a concesión desta mención honorífica especial.

Baixo o amparo do artigo 19 do regulamento municipal de protocolo, cerimonial, honras e distincións crease este premio ao que non poderán optar candidaturas que tivesen exaltado ou enaltecido a sublevación militar, a guerra, así como tampouco persoas que representasen cargos institucionais durante a ditadura.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.