
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, participou na Gala das Empresas da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), un encontro de referencia para o tecido produtivo provincial que, nesta edición, adquiriu un significado especial ao render homenaxe á que fora a súa presidenta, Marisol Nóvoa, falecida o pasado mes de agosto.
Luís Menor destacou que esta non era unha gala máis, “senón unha celebración marcada polo agradecemento e polo recordo dunha muller referente do empresariado ourensán e pioneira no liderado asociativo”. Sinalou que Marisol Nóvoa “soubo exercer unha presidencia baseada no diálogo, na conciliación e na defensa firme de Ourense”, cualidades que -afirmou- deixan “un legado vivo e inspirador”.
O presidente puxo en valor a traxectoria de Marisol Nóvoa á fronte da CEO, salientando a súa aposta pola internacionalización, a innovación, a formación e a incorporación da muller aos espazos directivos, así como a súa capacidade para tender pontes entre sectores e institucións. “Detrás da presidenta había unha muller cun compromiso absoluto coa provincia”, afirmou.
Reafirmou tamén a vontade de colaboración leal e permanente da Deputación co empresariado ourensán, “removendo obstáculos para que as empresas desenvolvan a súa actividade de modo máis doado”.
Menor insistiu en que a institución provincial “estará sempre onde se necesite, buscando solucións”. Ourense aspira a ser “unha provincia cada vez máis industrial”, apostando por proxectos innovadores, alianzas sólidas e confianza no talento local.




