Francisco Fernández del Riego, “O home que valía por mil”

Unha sinopse biográfica do homenaxeado no Día das Letras Galegas

Ponteareas | Botamos man dun precioso libro que co título de “O HOME QUE VALÍA POR MIL”, con textos de Antón Mascato e ilustrado por Pepe Carreiro, ven de poñer no mercado editorial Galaxia sobre a vida de Francisco Fernández del Riego.

Esta publicación vainos levando da man dende o Rexurdimento polo que Galicia se ve doutra maneira seguindo os relatos de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Pondal, etc.
No plano histórico asistimos á declaración dos estado de guerra proclamado polo Capitán Xeral de Galicia. Corría o ano 1901. Precisamente, no remate desta época ven ao mundo Francisco Fernández del Riego na aldea lucense de Vilanova de Lourenzá. Alí seus pais rexentaban unha tenda de tecidos.

Paco ou Paquiño, como lle chamaban de pequeno, mostrou dende os seus primeiros anos unha curiosidade especial polo seu reducido mundo da aldea lucense.. Ao non poder facelo de verdade viaxou polo mundo das mans de Julio Verne, en “20 leguas dun viaxe submarino”; de Mark Twain seguindo “As aventuras de Tom Sawyer”, etc. ata que aos 14 anos puido saír da súa aldea par ir estudiar bacharelato a Monforte de Lemos, no colexio dos Escolapios. Alí xa puido ler distintos libros, estudar e coñecer mais polo miúdo todo aquel mundo polo que debecía..

“Paco ou Paquiño, como lle chamaban de pequeno, mostrou dende os seus primeiros anos unha curiosidade especial polo seu reducido mundo da aldea lucense”

Aos 17 anos debeu trasladarse a Madrid para estudiar Dereito que era o que seu pai tiña destinado para el, aínda que lle gustara mellor Filosofía e Letras.

Por aqueles anos Madrid era un fervedoiro social e político. Os cidadáns culpaban ao rei Alfonso XIII da morte de miles de soldados na guerra de África. O 14 de abril de 1931 sería proclamada a República. O rei abandonaba a corte e saia camiño de Francia dende o porto de Cartaxena. Nunca máis voltou. As Cortes declarárono culpable de alta traizón.

En medio de todo este balbordo Paco del Riego dedicouse a ler a Rosalía, a Pondal, a Curros…a Vicente Risco, o pai do nacionalismo galego que lle marcaría o camiño cara ma facerse galeguista e decatarse de como Madrid gobernaba sen ter en conta os intereses de Galicia. “Era a morte sen remedio da nosa querida Galicia”, en palabras de Vicente Risco.
Chegado o verán voltaría a Lourenzá pero con outras ideas na cabeza. “Volvo ao meu pais onde temos todo por facer”, diría o xove del Riego.

Cando chegou á aldea mobilizou aos veciños para celebrar actividades co gallo do Día de Galicia. Escribiu e repartiu folletos explicativos e o 25 de xullo subiu ao balcón do concello onde colocou unha bandeira de Galicia e botaría un dos seus primeiros discursos galeguistas.

Rematado aquel verán non voltaría a Madrid senón que se afincaría en Santiago onde seguiría os estudos de Dereito. Alí entraría en contacto coas ideas galeguista e nacionalistas ao ter contacto con Vicente Risco, con Carvalho Calero, co pintor Luis Seoane, con Castelao e tantos mais que conformaban un exército de galeguistas e nacionalistas galegos.

Na rúa do Vilar nº 15 descubriría a imprenta de Anxel Casal que sería o forno do que sairían obras de todo tipo sobre o galeguismo e o nacionalismo galego. En decembro de 1931 fúndase en Pontevedra o Partido Galeguista (PG). Nel militarían vellos galeguistas como Castelao, Vicente Risco, Alexandre Bóveda, etc.

Paco del Riego remataría a súa carreira de Dereito aos 21 anos de idade pasando a ser profesor na Universidade compostelá. Para espallar o sentimento galeguista vendeu libros da editorial Nós. Sería nestes intres cando coñece a Evelina, unha estudante de farmacia coa que se casaría anos máis tarde.

Colaborou na redacción do Estatuto de Galicia proxectado polo Partido Galeguista. Sería o primeiro Estatuto de Galicia. Sería posto a votación polo pobo galego o 28 de xuño de 1936. Escritores e deputados deron mitins por toda Galicia polo SI AO ESTATUTO. Paco del Riego encargaríase da propaganda a favor do Estatuto. O resultado seria un SI rotundo. Só faltaba ser aprobado polas Cortes do Estado. Cousa que non ocorrería porque o 18 de xullo dese mesmo ano produciuse o golpe de estado que daría lugar a Guerra Incivil española.

“Colaborou na redacción do Estatuto de Galicia proxectado polo Partido Galeguista”

Paco del Riego opúxose á sublevación fascista e participou na resistencia véndose na obriga de esconderse en casas de amigos para que non o fusilaran como ocorrería cos seus amigos Ánxel Casal, Alexandre Bóveda , Camilo Díaz Valiño…Moita xente tivo que fuxir naqueles tráxicos momentos, aínda así sería recrutado para ir á guerra por estar na zona controlada polos golpistas.

Rematada a guerra tres anos despois Paco del Riego voltou a Compostela pensando volver dar clases como antes fixera pero non foi posible. Tiña sido inhabilitado polo novo Goberno por ser militante do Partido Galeguista, igual que fixeron con miles de persoas.

Diante desta situación decidiu irse a para Vigo onde traballou de avogado e profesor clandestino. Para non ser identificado pasou a chamarse Francisco Fernández. En 1940 casou con Evelina, aquela estudante que coñecera antes da guerra. E facía tertulias cos amigos galeguistas que se salvaron da represión e da morte como Carlos Maside, o arquitecto Manel Gómez Román, os escritores Darío e Xosé Maria Alvarez Blázquez, o dono do balneario de Mondariz Henrique Peinador. Falaban de recuperar ao Partido Galeguista pero todo con moito segredo porque a policía vixiaba todos os seus movementos.

Aínda así en 1943 xúntanse nunha casiña de Coruxo uns vinte galeguistas. Entre eles estaba Ánxel Fole e por suposto Paco del Riego. Alí acordarían resucitar ao Partido Galeguista. Paco del Riego encargaríase da propaganda do novo partido e tamén das relacións públicas. Foi detido varias veces, incluso foi encarcerado.

Era un home entregado de cheo á causa de Galicia. Tamén colaboraba con xornais e revistas de fora de Galicia que se publicaban en países onde houbera galegos emigrantes, como na Arxentina. Colaborou coa BBC británica, que tiña un programa en galego. O mesmo facía cos xornais editados en Galicia pero aquí baixo outros nomes como Salvador Lorenzana, Adián Siolovio, Cosme Barreiros, Santiago Amaral…

A Guerra Mundial rematou no ano 1945 pero Franco seguía no poder. As esperanzas de que o réxime ditatorial franquistta rematara frustráronse. Habería que seguir loitando na clandestinidade.

“Así nacería a Editorial Galaxia que fundaría cos seus amigos Ramón Piñeiro, con Otero Pedrayo ou Xaime Isla”

Entre tantas cousas que bulían na cabeza de Fernández del Riego estaba a creación dunha editorial para poder imprimir libros e así estender a lingua e a cultura de Galicia. Pretendía seguir a estela de Ánxel Casal, o editor e impresor que ir que coñecera en Compostela. Así nacería a Editorial Galaxia que fundaría cos seus amigos Ramón Piñeiro, con Otero Pedrayo ou Xaime Isla. Ao tempo que puxeron en marcha unha imprenta para imprimir os libros da editorial e outros traballos. De alí sairía a revista Grial de literatura, arte, arquitectura, economía…

Coma sempre, Paco del Riego fixo de todo na nova editorial. Falou coas escritoras e cos escritores; corrixiu os textos dos libros; escribiu prólogos; revisou probas da imprenta…

Esta editorial leva publicado os mais importantes libros do século XX sobre Galicia. Hoxe segue publicando.

D. Paco del Riego tería tempo para escribir as súas cousas sen abandonar as tarefas daquel partido resucitado naquela casiña do areal de Coruxo.

En Galaxia publicaría “Historia da literatura galega” así como “ Escolma de Poesía galega”. En 1960 entraría na Academia Galega; tiña 47 anos. Pouco tempo tardaría en propoñerlle á Academia a celebración do Día das Letras Galegas. Proposta que foi aceptada e o 17 de maio de 1963 celebrouse a primeira festa dedicada a Rosalía de Castro. Ese mesmo ano sería elixido para dirixir a Fundación Penzol.

Franco morre en 1975, por fin cae a ditadura e regresan as institucións democráticas. Paco del Riego xa tiña mais de 70 anos pero seguiu traballando por Galicia, agora participando en todas as homenaxes que se lle fixeron aos galeguistas asasinados e perseguidos polo franquismo.

“Despois de celebrar o seu 70 aniversario decidiu poñerse a escribir o que non puidera facer en toda a súa vida (…) Así foi como D. Paco del Riego puido dar ao prelo as súas mais significativas obras”

Despois de celebrar o seu 70 aniversario decidiu poñerse a escribir o que non puidera facer en toda a súa vida pero, para iso, precisaba tempo. Cousa que atopou deixando a dirección de Editorial Galaxia nas mans do coñecido escritor Carlos Casares.

Así foi como D. Paco del Riego puido dar ao prelo as súas mais significativas obras: “Ánxel Casal e o libro galego” e “Pensamento galeguista” (1983); “Pensamento galeguista do século XIX” e “Escritores de Portugal e do Brasil” (1984) ; “Dicionario de escritores en lingua galega” e “O río do tempo. Unha historia vivida” (1990); “Álvaro Cunqueiro e o seu mundo: vivencias e fabulacións”) (1991) ; “O cego de Pumardedón” (1992). Ás portas do século XXI e, xa con 84 anos, aceptou presidir a Academia Galega da Lingua. E chegarían os recoñecemento ben merecidos: Fillo predilecto de Lourenzá, Fillo Adoptivo de Nigrán, Medalla de Ouro de Vigo, Galego Egrexio, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo…

En 2003 morreu a súa dona Evelina Herbella e, sete anos despois, en novembro de 2010, falecería D. Paco Fernández del Riego.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»