Fracaso do concurso provincial do lixo

Pontevedra | O concurso para o servizo provincial de lixo, recollida, transporte e tratamento de residuos domésticos, así como puntos limpos, foi unha auténtica chapuza de principio ao fin. En opinión do concelleiro pontevedrés Agustín Fernández tratouse dun concurso ambiguo e no que se ocultou información crucial para que as empresas puideran presentar ofertas realistas, axustadas e competitivas.
A propia revisión do procedemento revela que as tres UTE licitadoras presentaron máis de 100 dúbidas durante o período de consultas previas. E, sorprendentemente, as máis substanciais non foron contestadas. A planta de compostaxe, introducida con calzador nos pregos de cláusulas administrativas e prescripcións técnicas en apenas un par de parágrafos, motivou ata tres preguntas exhaustivas. As empresas preguntaron pola situación da planta, a data da súa posta en funcionamento, os custos da contenerización e recollida da fracción orgánica e mesmo presentaron dúbidas de que todo isto puidera introducir cambios nos custos de explotación superiores ao 20%.
Diante de todas estas consultas, a Deputación limitouse a repetir que a planta de compostaxe e o cambio en todo o sistema de recollida (con novos contenedores e mesmo camións) non se poderían considerar modificación de contrato. O futuro contratista debería asumir todos os custos, sen que puideran ser repercutidos nas taxas que se lle cobrarían aos veciños dos 21 concellos adheridos ao consorcio provincial.
As tres respostas remiten á cláusula demencial recollida no artigo 6.6 do prego técnico, afirma Agustín Fernández, que é invocada ata en tres veces, sen engadido nin aclaración algunha. É dicir, a cláusula que afirma que todos os custos derivados da compostaxe serán por conta do contratista.
O presidente da Deputación designou un comité de expertos para respostar ás preguntas. E entre os seus membros figura o responsable da mesma empresa contratada pola Deputación para valorar posibles localizacións desa suposta planta de compostaxe.
A conclusión final é que o concurso foi unha chapuza descomunal, pois se esixe ás empresas que presenten ofertas económicas a cegas sobre un servizo que pode variar substancialmente, con repercusións económicas superiores ao 20% admitido pola lei. Sen darlles a menor información ao respecto recalcando que os posibles cambios non suporán modificación do contrato.
Está claro que había serios riscos de desequilibrio económico ou renuncia á prestación do servizo por parte da futura concesionaria. E diante desta inseguridade a Deputación decidiu dar marcha atrás. Unha chapuza monu-mental máis que se suma ao chapuceiro procedemento adoptado dende o Concello de Pontevedra para a busca dos terreos desa eventual planta de compostaxe, de costas aos técnicos municipais e con absoluto desprezo do procedemento administrativo e do elemental principio de transparencia.
Diante deste cúmulo de despropósitos, urdidos polo BNG e o Partido Popular, o grupo municipal socialista reafírmase na necesidade de continuar informando aos veciños de Pontevedra sobre as posibles consecuencias urbanísticas, ambientais e tamén económicas desta eventual planta de tratamento que convertería a Pontevedra na capital provincial do lixo.

Outros artigos