Fornelos e Lourido dinamizarán o seu patrimonio

A través dunhas xornadas organizadas pola Asociación Lazoiro e a AAVV Fornelos

Salvaterra de Miño | A Asociación Lazoiro e a AAVV Fornelos realizarán unha xornada para dinamizar o patrimonio das parroquias de Fornelos e Lourido.

A apertura da xornada terá lugar este venres 19 de decembro ás 19:00h no Centro Cultural A Carballeira na parroquia de Fornelos e durará toda a fin de semana. A xornada do sábado 20 comeza ás 9:30h da mañá cunha andaina adicada ao patrimonio histórico, pola tarde ás 16:30h presentarse o libro “O Crime de Salvaterra de 1911” sobre o agrarismo. No sábado a exposición poderá visitarse de mañá en horario de 9:30h á 13:30h e de tarde de 16:00h á 19:00h. O domingo estará só de mañá de 11:00:h á 14:00h.

A exposición contará con paneis onde se mostrarán datos dos elementos patrimoniais de Fornelos e Lourido, así como algunha proxección. Entre o contido poderán verse fotografías, planos e textos. Toda a documentación pretende achegar aos propios veciños e veciñas o seu patrimonio, e en definitiva aportar unha visión que enriqueza o coñecemento diario que teñen del. Está aberto a todo o público que se queira achegar. Dende Lazoiro explican que “esta iniciativa pretende facer un labor de divulgación do Patrimonio Cultural da parroquia de Fornelos e Lourido, organizada en colaboración coa Asociación Veciñal e Cultural de Fornelos da Ribeira e Lourido,”. Un dos obxectivos de realizar a exposición é, segundo afirman dende ambas asociacións “a necesidade de coñecer máis sobre a memoria nas nosas parroquias, implicando aos veciños e veciñas na organización da xornada, que levou varios meses de traballo, achegando tamén este coñecemento á xente máis nova, que ademas terá unha andaina e a presentación do libro sobre o agrarismo”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.