“Fomos capaces de xerar novas expectativas e oportunidades de futuro para A Cañiza”

Luis Piña | Alcalde da Cañiza

Reelexido como alcalde da Cañiza o pasado 28M con maioría absoluta (máis do 50% dos votos alcanzando 7 concelleiros) Luís Piña (PSdeG-PSOE) asume o seu segundo mandato municipal cunha mestura de ilusión e realismo, convencido da transformación que está operándose neste Concello da comarca da Paradanta.

Agardaba poder renovar a Alcaldía nunha situación tan complicada?
Si. Creo que este primeiro mandato fíxose un traballo de fondo moi importante. Afrontamos unha situación económica moi delicada, con 4,3 millóns€ de facturas pendentes de pago. Fumos capaces de xestionar esta situación e abrimos novas expectativas de futuro. O contexto da crise global tivo tamén a súa repercusión e, se non fora por iso, estou seguro que gañaríamos un concelleiro máis. Estou extremadamente agradecido aos meus veciños e veciñas pola importante porcentaxe en número de votos e pola confianza depositada porque sacamos unha maioría absoluta cun 50,7%, sete concelleiros, todo un récord electoral.

A oposición está aquí formada só polo Partido Popular, que baixou en votos.
Si. No mandato anterior éramos seis concelleiros do PSOE, seis do PP e un de Cidadáns. Eu fun alcalde no primeiro mandato (2019-2023) cun pacto con Cidadáns. Este ano Cidadáns non se presentou. O BNG sacou 82 votos. Aquí para ser concelleiro precisas duns 220 ou 230 votos.

“No mandato anterior establecimos unha liña de aforro e de austeridade”

Cando Vde. chegou ao Concello aquí había unha serie de problemas económicos, facturas sen pagar. Iso está solucionado?
Está encamiñado porque no mandato anterior establecimos unha liña de aforro, de tentar ser austeros, coidando a xestión. Isto debe ser unha preocupación dende o punto de vista da gobernanza porque os cartos son públicos, dos veciños e veciñas. Logramos dous préstamos do Ministerio de Facenda, en total 2,7 millóns€. Por tanto, a xestión de aforro, de contención de gasto entre eses 2,7M e os 4,3M de facturas pendentes de pago é un esforzo do Concello e dos seus veciños. Esa situación levounos a pagar todas as facturas para levalas practicamente a un punto cero. Agora ben temos que ser moi cautelosos no futuro porque ese préstamo temos que devolverllo a Facenda nos vindeiros dez anos. Estamos falando en torno a 25.000€ mensuais para cubrir esa débeda que dende o Estado xa nos descontan mensualmente cando fan o ingreso do préstamo.

O que non se entende é unha situación contra natura da propia democracia no sentido de que un alcalde (Miguel Domínguez Alfonso, PPdeG) que deixa o Concello nesa situación de absoluta creba económica primeiro o negue e segundo non teña asumido as súas responsabilidades políticas. Por iso temos que ser cautelosos e seguir na liña de reforma e de reestruturación do Consistorio.

Parece ser que Vde. tenta aumentarse o salario dunha forma importante. Os veciños din que o Alcalde debería ‘apretarse o cinto’. Que ten que contestar?
Absolutamente nada. O salario do Alcalde segue na liña do que viña insistindo no pasado e mantense nesa liña. Considero que o soldo dun Alcalde, pola súa responsabilidade política, debe estar acorde a esa responsabilidade que ostenta. Prefiro un Alcalde que informe con claridade o que gaña a outros que presuman que gañan menos e logo a súa xestión ten partes escuras.

O soldo dos Alcaldes están en función do orzamento?
Están establecidos por lei. E o salario do Alcalde da Cañiza está establecido por lei e aprobado polo pleno municipal. A lei establece un tope en función do tamaño do Concello. Neste momento estou gañando mensualmente sobre os 2.500€ netos. Paréceme razoable para a responsabilidade que ostento.

Festa do Xamón da Cañiza: novidades nesta edición.
Hai que recoñecer que estamos nun proceso recén chegado de eleccións e tentamos seguir facendo as cousas o mellor posible dentro das liñas establecidas. Algúns matices imos introducir. Esto satisfeito coa programación prevista, considero que este é o verán máis intenso que tivemos ata agora, co maior número de actividades programadas, que terán unha repercusión positiva no Concello dende o punto de vista cultural e económico.

Pero desta Festa non hai retorno económico.
Digamos que hai unha parte inversora. En conxunto poderíase dicir que como Concello perdemos cartos pero falando nun tempo pretérito podemos tamén dicir que son cartos que se invirten na Cañiza. É unha aposta que se fai para o 15 de agosto (Día da Festa do Xamón da Cañiza) pero tamén para o conxunto do ano. Todo o mundo sabe que somos un referente no xamón, temos moitos negocios que viven dese sector.

Cales son os investimentos en turismo nos últimos anos?
Seguimos coa liña do mandato anterior. Primeiro din un xiro de 180 graos á xestión do camping que lle permite á empresa que a xestiona facer unha serie de investimentos. Reestruturouse a hostalería, xa hai mais de dez bungalós e agora hai unha dinámica nova e polo tanto máis positiva. Despois constituín a Rede de Sendeiros da Cañiza. Creei catro novos sendeiros e un máis conxuntamente cunha Comunidade de Montes. Este 30 de xullo inauguramos a ruta de Luneda.

Fixemos tamén unha actuación en torno á Rede de Recunchos da Cañiza xa que temos 15 ou 16 puntos singulares que están perfectamente referenciados con códigos QR. Estou a punto de licitar o Miradoiro de Montouto en Fontefría. Xa dispoño dos terreos que foron solicitados á Comunidade de Montes da Lamosa dentro do termo municipal da Cañiza. Creamos tamén eventos novos en torno ao Cocido Cañicense. Estamos neste momento procedendo á expropiación para propiedade municipal da cidade castrexa das Grades, que ten un peso histórico e cultural pero tamén vai ser un atractivo turístico.

“O noso orzamento de 9 millóns€ para investimentos é un récord”

Estamos tamén apostando pola Vía Mariana. Tivemos recentemente unha xuntanza no Concello de Mera, fixemos o 1º Convenio Oficial coa Vía Mariana para potenciala e facer investimentos dun futuro albergue na localidade de Parada que xa existe en propiedade municipal e que ten un establecemento para que uns poucos peregrinos podan pernoctar.

Recentemente tamén lanzamos a iniciativa da Ruta entre Abadías da Franqueira e de Melón, un camiño medieval. Fixemos nese sentido un convenio co Concello de Melón. Dentro da nosa programación de verán, o 10 de setembro temos unha Andaina entre Abadías no treito A Franqueira-A Cañiza.

Os acordos co anterior Delegado da Zona Franca David Regades van sufrir cambios?
O tema da CTAG está en stand by. No asunto da construción do futuro Polígono Industrial da Cañiza, está asinado e aprobado un convenio coa Zona Franca xa publicado no Boletín do Estado. Estamos buscando todas as posibilidades que se nos poidan presentar para tomar iniciativas que teñan unha importante repercusión no Concello. O futuro desenvolvemento do polígono industrial é para nós algo fundamental. Estará localizado na zona próxima ao Campo de Fútbol e o cemiteiro de Vieiro, un espazo excepcional xa expropiado e ben comunicado coa autovía A-52. Os fondos económicos están establecidos de acordo co convenio asinado coa Zona Franca. Eles pon os cartos e nós como Concello executamos.

O novo Delegado da Zona Franca non pode modificar iso?
Entendo que non se vai modificar. Depois dos resultados electorais do pasado 23X, todo apunta a que Pedro Sánchez vai seguir sendo Presidente de Goberno e iso vai favorecer o desenvolvemento desa iniciativa. Estou seguro de que Zona Franca seguirá baixo o mesmo goberno e que o novo Delegado da Zona Franca seguirá mantendo o que o seu goberno xa aprobou.

Abrimos un convenio histórico coa Zona Franca, co goberno de Pedro Sánchez, que nos da a oportunidade de avanzar nese proxecto do polígono industrial que vai andar perto dun millón de metros cadrados. Un polígono cunha fiscalidade ventaxosa financiado pola Zona Franca, que vai ser propietario deste polígono e responsable da súa comercialización con capacidade para movementos económicos a nivel internacional. O Concello cobrará a fiscalidade correspondente ás empresas que aí se instalen.

“Alcanzamos convenios históricos coa Zona Franca e co goberno de Pedro Sánchez”

Conseguimos tamén un investimento histórico de millón e medio de euros da Confederación Hidrográfica Miño Sil, que xa está desenvolvendo os traballos técnicos correspondentes. E tamén legalicei no mandato anterior o Parque Empresarial Uceira, antigo Campo da Feira, para que sexa solo industrial. Vou licitar un par de parcelas que non o estaban e tamén vou darlle unha cobertura de legalidade aos comerciantes que están aí. O logro é de tal magnitude que a xente aínda non o percibe.

Sabedes cantas empresas están interesadas en instalarase no polígono?
Aínda non. O polígono vaise desenvolver, se pensamos en termos razoables, en oito ou dez anos. Toca facer a modificación urbanística, a expropiación e o proxecto de execución de obra.

Esta iniciativa da I Copa de Galicia de Pumptrack, é un aprendiz do “Marisquiño” de Vigo?
Primeiro, o Pumptrack e o Skatepark son un espazo para facer deporte urbán que está tendo unha acollida extraordinaria pola mocidade da Cañiza. Os expertos consideran que a pista de Pumptrack é a mellor de Galicia e hai quen din que a pista de Skatepark é a máis grande de España. Co tema do “Marisquiño”, a nós venos ben pola nosa proximidade a Vigo para que os participantes poidan vir ata aquí a adestrarse. É por tanto un atractivo máis que iremos complementando no futuro para dispor de novos servizos tanto para o turismo como para a habitabilidade. No caso do “Marisquiño” hai que tomar en conta que é un evento fixo limitado a unhas determinadas datas. O noso Pumptrack e Skatepark está previsto para todo o ano.

Pero logo hai unha parte que non acompaña como é, por exemplo, o das estruturas hoteleiras.
É certo que estamos un pouco deficitarios nesa cuestión pero que, ó mesmo tempo, implica que hai marxe de manobra. Neste momento temos o camping, temos apartamentos, casas enfocadas a turismo rural. Teño información do interese de construír un Hotel. Son elementos positivos que confirman que hai demanda pero que non hai oferta suficiente para a demanda que xa existe. Pero esa oferta estase movendo e no futuro haberá máis oferta acorde con esa demanda tanto para os nosos veciños como para que veñan os turistas.

O que está claro é que A Cañiza de hoxe xa é capaz de xerar expectativas de futuro. Hai un optimismo nun pobo que hai moitos anos estaba aletargado e depresivo pero que, ao día de hoxe, fomos capaces de xerar novas expectativas onde non as había. Por tanto abrimos novas oportunidades de futuro. O noso orzamento é de 9 millóns€, estamos falando só de parte inversora, en catro anos batimos récord, en ningún mandato anterior en democracia na Cañiza alcanzouse esta cifra.

“Estamos levando a cabo a renovación eléctrica do municipio”

Moitos deses investimentos vanse ver nos vindeiros meses. Estamos a piques de rematar a renovación eléctrica do Concello, con 2,4 millóns€ de investimento. Fixen unha transformación dunha piscina climatizada que xa está aberta e ten unhas condicións excepcionais. A Deputación de Pontevedra acaba de aprobarnos a reforma do Campo de Fútbol de Augas Férreas por 600.000€. E outras iniciativas que están en marcha para facer proxectos para o pobo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»