
Ponteareas | Un movemento colectivo e representativo do profesorado do IES do Barral comezará unha folga os días martes 27 e o mércores 28 de outubro na que esixen a reivindicación e melloras no seu labor docente e de atención ao alumnado.
A continuación reproducimos íntegramente o comunicado enviado aos medios:
PROFESORADO EN LOITA!!!
Unha parte representativa do profesorado do IES do Barral reuniuse o venres 17 de outubro de 2025 co fin de chegar a puntos en común sobre a situación laboral do noso colectivo en Galicia.
A dita asemblea xorde con motivo da próxima folga do 28 e 29 de outubro e as dúbidas que temos sobre o plan de actuación e mobilizacións vindeiras.
Neste encontro tratáronse os seguintes puntos:
1. Estamos a favor das reivindicacións. Consideramos que son necesarias as reivindicacións principais que xiran a redor da diminución de ratios, recuperación do horario lectivo, atención á diversidade, eliminación da excesiva burocracia e unha mellora retributiva.
2. Implicación do alumnado e das familias. As reivindicacións son en prol da mellora da calidade educativa e por iso sería necesario unha implicación activa de toda a comunidade (ANPAS, consellos escolares, familias, equipos directivos etc.).
3. Necesidade dunha organización transversal. Consideramos que é importante a creación de diferentes espazos asemblearios de escoita e participación activa de toda a comunidade educativa para tratar as diferentes problemáticas que xorden no día a día. Vemos necesaria a creación dunha rede asemblearia intercentros co fin de conseguir mobilizar ao maior número de profesorado posible.
4. Plan de actuación e protesta, horizonte e calendario futuro Temos a sensación de que a convocatoria de folga, de maneira illada e sen continuidade (como no ano 2023), é pouco útil e incluso desmobiliza ao profesorado. É preciso crear un plan de actuación onde queden ben definidos os pasos que hai que seguir. Reivindicamos unha acción sindical conxunta.
Nos últimos anos observamos unha ruptura entre os sindicatos, feito que está aproveitando a Administración para dividirnos e limitar o seguimento das protestas a “uns poucos”. Urxe retomar o diálogo intersindical para ter unha fronte común.
5. Maior comunicación e difusión Sentimos que non se está a facer un bo labor comunicativo previo e posterior ás xornadas de folga. Sería preciso explicarlles ás familias, ao alumnado e ao profesorado o motivo destas reivindicacións. Tamén é necesario paliar a falta de difusión dos nosos actos nalgúns medios de comunicación. Consideramos oportuno buscar medios alternativos que lle transmitan á sociedade as nosas demandas.
6. Medidas reais de acción desde o noso centro (IES do Barral)
– Elaborar e colocar varias pancartas que visualicen a protesta.
– Transmitirlle ao alumnado a importancia da folga para conseguir melloras socias.
– Elaborar un calendario de asembleas internas co fin de manter o diálogo e a unidade de acción
– Difundir este documento para que o noso sentir chegue ao maior número de axentes educativos.




