Florencio de Arboiro, arte da terra

Sotelo Blanco escribe un libro homenaxe ao polifacético Florencio Martínez Vázquez

Castro Caldelas | A Fundación Sotelo Blanco acaba de editar o libro “Florencio de Arboiro arte da terra” do escritor Olegario Sotelo Blanco, con limiar do ourensán Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia.

O libro de 83 páxinas de texto, oito capítulos e un anexo fotográfico, ofrécenos a súa visión persoal e íntima de Florencio de Arboiro unha figura senlleira na Ribeira Sacra. A través dun texto familiar e próximo, nacido dunha amizade que se remonta a infancia de ambos, o autor guíanos pola experiencia vital que conformou esa relación única. Este percorrido, ateigado de lugares, momentos e vivencias compartidas, converte o libro nunha merecida homenaxe en forma de memoria afectiva e intelectual. Para configurar o mosaico dun home polifacético, Sotelo Blanco retoma algúns textos e entrevistas publicados e dun fondo fotográfico, presentándonos as múltiples dimensións de Florencio: a persoa, o escultor e artista, o formador, o coleccionista, o muiñeiro e o activista cultural.

A intención desta obra queda perfectamente ilustrada coas palabras do autor “Florencio foi unha desas persoas que se ten o privilexio de coñecer a desfrutar, desas que dan moito máis do que reciben e que sempre están cando se lles necesita. En Galicia coñecémolas como boas e xenerosas, e con iso nos abonda para entender. Unha vez máis, dou grazas por teres sido o meu amigo”.

O autor do libro
Olegario Sotelo Blanco (Quintela de Mazaira. Castro Caldelas 1945) reparte a súa existencia de xubilado activo vivindo en Castro Caldelas e Barcelona sin facer ruído, pero fiel ao seu traballo por Galicia e Cataluña, a súa prezada segunda patria.

Mira sempre cara o futuro, procurando que o permanente estado de provisionalidade vital non despiste o rumbo trazado. Aínda que a súa faceta de editor e empresario marcou definitivamente a súa figura pública, tamén é un prolífico autor de ensaio e narrativa que deixa unha pegada valiosa para a cultura galega. Nas fotos a portada do libro e Florencio de Arboiro, á esquerda, nunha exposición da súa obra no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, no ano 2012.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.