FITUR 2024 coñeceu a riqueza da Ruta do Taverneiro

A deputada de Turismo, Nava Castro, presentou este percorrido xunto ao Alcalde de Cerdedo-Cotobade

Madrid | A Deputación de Pontevedra continúa a súa axenda de actos e presentacións en Fitur coa Ruta de Ignacio Taverneiro, a vía cara Compostela que transcorre pola provincia atravesando Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Pazos de Borbén, Pontecaldelas, Ponteareas e Salvaterrra.

A deputada de Turismo, Nava Castro, foi a encargada de presentar os puntos fortes deste percorrido xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial Jorge Cubela, quen interveu en representación dos seis Concellos da provincia polos que transcorre a ruta.

“Aquí estamos seis concellos da provincia, moi diferentes, incluso de distinto signo político, que temos sabido traballar xuntos, tendendo pontes arredor da cultura e do patrimonio, cun obxectivo común: impulsar e promocionar a Ruta de Ignacio Taverneiro”, remarcou a deputada provincial.

Nava Castro afirmou que “somos moi conscientes da proxección turística que supón contar xa con esta nova ruta cara Compostela” e amosouse convencida de que “esta vía alternativa cara Santiago dará moito de que falar. Estou segura de que, se a facedes, deixará en vós unha pegada inesquecible e será unha vivencia que xamais esqueceredes”.

A deputada provincial afirmou que existen numerosas variantes para peregrinar cara Compostela que atravesan a provincia e, sobre a Ruta de Ignacio Taverneiro, remarcou o feito de que o seu percorrido sexa froito dun rigoroso traballo de investigación no que se implicaron Luis Ferro e Carlos da Barreira.

Tamén subliñou que abrangue 130 quilómetros a través de cinco etapas por concellos do interior de Pontevedra nun percorrido suave, con desniveis menores que outros percorridos que cruzan a provincia cara Santiago tamén polo seu interior. Ademais, como punto forte, transcorre a carón de 30 igrexas – tres delas con Santiago Apóstolo como patrón-, 14 petos de ánimas, numerosos cruceiros e unha ampla lista de lugares de interese cultural como pontes medievais ou contornas naturais como as que conforman o río Oitavén ou o Verdugo.