Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, reuniuse con representantes das adegas que protagonizarán do 4 ó 6 de xullo a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte na que participarán trinta adegas.
Neste acto procedeuse ao sorteo público da ubicación da caseta de cada adega no Festival, sorteo que se levou a cabo mediante a extracción do nome de cada adega dunha caixa habilitada para a ocasión.
O alcalde agradeceu ós adegueiros e adegueiras o seu compromiso e o interese en participar neste certame que supón unha inversión moi importante que o Equipo de Goberno destina á promoción do viño da denominación de orixe Ribeira Sacra, e á promoción da paisaxe, gastronomía, da riqueza patrimonial e histórica, en definitiva da nosa cultura, ademais do comercio e da hostalería.
Pola súa banda, os adegueiros amosaron a súa satisfacción pola consolidación deste Festival do Viño agradeceron ó Concello o interese e esforzo que fai ano a ano para organizar e celebrar un certame do que agardan atraia a milleiros de persoas a Monforte durante a primeira fin de semana de xullo, do 4 ó 6.
Tomé tamén anunciou que o Paseo do Malecón permanecerá pechado dende o domingo 30 de xuño, para proceder á montaxe do Festival do Viño.